Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Os Concellos de Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas toman as primeiras medidas contra a seca

Reunion de Augas de Galicia cos concellos da costa
Imaxe da reunión de Augas de Galicia cos concellos da Costa
Os Concellos de Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas toman as primeiras medidas contra a seca

Os rexistros dos caudais circulantes do río Grande (0,98 m3/s en promedio durante o último mes) están un 50% máis baixos que a media dos últimos 10 anos nesta mesma época do ano. De aí que a situación de prealerta a semana pasada nesa bacía teña máis protagionismo. Onte, a Xunta mantiña unha reunión cos representantes municipais de Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas para instarlles a intensificar as medidas de control e de moderación no consumo da auga para preservar o abastecemento á poboación ante a situación de “prealerta por escaseza”.

Augas incidiu na importancia de que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen aqueles usos de auga menos prioritarios que se poidan realizar nos seus termos municipais e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda.

Pediron ademais aos concellos que estuden as súas redes, que localicen posibles perdas coa realización de auditorías; e preveñan posibles alternativas en previsión da posibilidade de empeoramento da situación. E dende augas aseguraron que van enviar caudalímetros para que os Concellos poidan levar o control dos seus depósitos.

Tamén se recomendou a realización de plans de emerxencia, aínda que nestes concellos por poboación no sexa obrigatorio telos.

Vimianzo pide responsabilidade

Trala reunión, a alcaldesa de Vimianzo Mónica Rodríguez volve incidir na necesidade de colaborar na redución do consumo da auga. Lembrou que o Concello xa emitiu un bando no que prohibe o uso de auga potable para encher piscinas, regar, baldear ou limpar fachadas e vehículos. Tamén se insta ás empresas e comercios a minimizar o consumo deste recurso natural.

Camariñas manterá vixiada a súa captación de auga e pide á cidadanía un uso racional

Pola súa parte, a rexedora camariñá, Sandra Insua, quere deixar claro que “de momento aínda non temos escaseza de auga, Camariñas capta a auga do río e de momento o bombeo cubre o consumo”. Pero en calquera caso, “somos conscientes de que esta situación pode cambiar en calquera momento polo que manteremos a vixilancia e volvemos a pedir á cidadanía que faga un uso racional da auga”, destacou a rexedora, que solicitou que “se a situación se complica e o río seca, que sería algo excepcional e histórico, se encha o depósito con motobombas”. No encontro, Sandra Insua tamén solicitou a Augas de Galicia “asesoramento para usar a captación de Augas Veciñais da Ponte do Porto”.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios