Venres. 26.04.2024
El tiempo

A Costa da Morte estará moi presente na gran manifestación “Eólica, Así NON”

O BNG de Vimianzo presenta unha moción e organiza un acto este venres contra a ”invasión eólica”
Manifestacion Eolica Si asi non
A Costa da Morte estará moi presente na gran manifestación “Eólica, Así NON”

Esta fin de semana, ademais do acto informativo-reivindicativo no Esteiro do Anllóns, a sociedade galega ten unha cita en Compostela coa manifestación polo Día Mundial polo Medio Ambitene que leva por lema “Eólica así non”. Unha gran marcha convocada por ducias de colectivos de todo o país, entre elas varias da Costa da Morte como a Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra ou Rede Galega por un Rural Vivo, que pretende reflexionar sobre o modelo enerxético que está a asolagar o territorio de viraventos en favor das grandes multinacionais.

O Manifesto califica a situación do país como de “espolio enerxético”, de térmonos convertido nun “territorio de sacrificio diante dun modelo oportunista e fraudulento de proxectos eólicos fragmentados para esquivar a normativa legal e que invaden o noso espazo de vida. Centos de proxectos que devalúan as economías locais, prexudican a calidade de vida das persoas, degradan as comunidades que vivimos no rural, atentan á titularidade da terra e á explotación dos seus recursos polos seus propietarios a título individual ou comunitario deteriorando ademais o medio natural, a paisaxe e o patrimonio”.

Medio país considera este novo impulso eólico, que tamén afecta á nosa xa castigada bisbarra con, polo menos, 39 novos proxectos en marcha como “sobredimensionado”, e denuncia a “proximidade ás vivendas, invadindo tanto zonas de interese agrogandeiro como espazos naturais protexidos, e mesmo literalmente colocados enriba de petróglifos, de patrimonio irrecuperábel unha vez asentada a infraestrutura”. Os caso dos Penedos de Traba e Pasarela é un perfecto exemplo.

O manifesto lembra que “Galicia conta co 14% da potencia eólica instalada no Estado español, malia que representa menos do 6% da súa superficie. Ten o maior nº de aeroxeradores por habitante do Estado español. Aquí, en 2020, a potencia instalada atinxiu os 130 kW/km2, fronte os 54 kW/km2 do Estado español, ou os 72 kW/km2 de Alemaña. Cunha produción renovable (eólica e hidroeléctrica) que supera o consumo actual, o 28% da electricidade producida segue a exportarse fóra do país, mentres o subministro á cidadanía, empresas e industrias galegas seguen a ser dos máis caros do Estado”.

Ante esto, a sociedade solicita varias demandas:

  • 1. Moratoria das instalacións en tramitación, sexan competencia da Xunta ou do Estado español, e redacción dun novo Plano Sectorial Eólico sometido a avaliación ambiental estratéxica.
  • 2. Protección dos servizos ecosistémicos que prestan a biodiversidade e a xeodiversidade.
  • 3. Ampliación da superficie protexida de Galiza. S
  • 4. Unha transición ecolóxica ordenada, xusta e ao servizo do país.
  • 5. Fomento do aforro, a eficiencia e a autosuficiencia e soberanía enerxética, o fomento do autoconsumo, a produción á pequena escala e a xestión pública galega.
  • 6. Data de caducidade para as concesións eólicas existentes.
  • 7. Capacidade local de decisión.
  • 8. Esiximos unha normativa xusta para a sociedade, non a favor do lobby eólico.
  • 9. Cumprimento da normativa para a protección do medio ambiente.
  • 10. Paralización e prohibición dos muíños eólicos próximos a núcleos de poboación.

Moción e acto do BNG

Na mesma liña, o BNG, que non faltará na manifestación compostelá, está levando mocións aos concellos. Por exemplo, en Vimianzo, onde o grupo presentou unha moción sobre “a invasión eólica que estamos sufrindo nestes tempos”.

Ademais, o grupo organiza este venres 4 de xuño ás 20:30h na Casa da Cultural un acto informativo sobre os eólicos, baixo o título "Nin espolio, nin depredación. Enerxía eólica sustentábel xusta e galega". Nel, participarán o deputado do BNG pola Costa da Morte, Daniel Pérez, e a deputada da área de Enerxía, Noa Presas.

DEBATE

Para ver a posición dos 4 grupos parlamentarios, pode ver o debate organizado onte por ADEGA:

 

NOVAS SOBRE EÓLICOS

Comentarios