Carta dun autónom@: "A Crónica dunha morte anunciada, a do comercio local"
Crónica dunha morte anunciada
O 13 de marzo de 2020, anúnciase un estado de alarma e un confinamento obrigatorio. Despois había que salvar o verán. Volvemos a unha situación crítica tras o verán e empezamos con peches perimetrais, peches de hostalaría, e tras isto, había que salvar o Nadal. E agora volvemos de novo con peches perimetrais en cada concello de xeito individual e un sinfín de novas restricións. Sabemos que a responsabilidade individual non existe, pero desbótase un confinamento como o de marzo porque tamén se debe salvar a economía. Pero a gran pregunta é “a economía de quen se está a salvar?”.
Dende logo, non se está a salvar a economía do pequeno autónomo, que cada vez que un gobernante abre boca, péchanse reixas que xamais se volverán a erguer.
Unha das reixas que ultimamente está máis pechada que aberta, é a dos nosos hostaleiros, que según os gobernos son os grandes culpables da covid-19. Que o transporte público vaia a tope de xente sen distancias de seguridade, que nas grandes superficies poida haber máis xente que en 3 concellos xuntos, e que no traballo debe ser que tampouco te contaxias, pois a culpa maior para o hostaleiro. Pero o peche da hostalaría non so inflúe no propio local, senón que move un mundo de postos indirectos que tamén están a sufrir as consecuencias.
Tamén se están deixando de celebrar feiras e mercadiños, que pasa cos feirantes, que parece que se esqueceron deles. Iso si, nas grandes superficies, que por moi alto que teñan os teitos, son en sitios cerrados, aí non hai problema, pode haber unha concentración de xente equivalente a 3 concellos do rural, que aí a covid non existe.
Pero agora tamén aparece unha crónica dunha morte anunciada, a do pequeno comercio do rural.
O comercio de proximidade, leva vivindo momentos duros dende xa hai un tempo, primeiro coa aparición das grandes superficies e agora co tema da compra online e da aparición das grandes plataformas. Intenta modernizarse, facer tamén unha tenda online e únense a campañas para dinamizar a zona para así buscar un oco e non ser esquecidos.
Pero o comercio de proximidade do rural ten que facer moitas veces un esforzo maior, porque ademais de pelexar coas grandes superficies e con internet, tamén ten que sobrevivir o despoboamento que está a sufrir o rural.
Cando un pequeno comercio decide abrir no rural, non ten en conta so a poboación de onde se vai abrir, senón que conta: si a vila está ben situada, si é de paso, os comercios que ten o carón, e canta xente merca nesa vila sendo de concellos colindantes (este é un dos puntos máis importantes, xa que na gran maioría, entre un 60-70%, os clientes son de fóra de ese concello). Pois con estes datos na man, resulta que agora toman a decisión de pechar cada concello de forma individual, xa éramos poucos e agora menos. E xa non so van ter que prescindir da gran maioría da súa clientela, que tamén vai ter que pechar ás 18h00.
O que non cabe ningunha dúbida, é que os do rural, non baixan os brazos a primeira, e moitos deles, ofrecen levarche a compra a casa sen custe (vamos, que aforras os gastos de envío e ademais lévancho ese mesmo día, o final son máis rápidos que algunhas plataformas). Fago un chamamento a todos os da zona: debido aos peches perimetrais, antes de buscar o produto en internet, chames a tenda onde sempre o mercabas, porque posiblemente eles tamén cho leven a casa.
Tendo en conta isto, creo que pouco máis podo explicar. Houbo un momento onde se lle botaba en cara ao Goberno central que non podía poñer medidas centrais, xa que cada autonomía tiña unhas características propias. Pero resulta que agora, na nosa propia autonomía, están tomando decisión centralizadas sen ter en conta o rural (medidas feitas para cidades, que se levan a cabo no rural).
A covid está matando e non entende de idades, nin de sexos, nin si es rico ou pobre. As decisións políticas en cambio tamén matan, pero estas si diferencian entre ricos e pobres, e os que levan as de perder sempre son os mesmos.
Creo que hoxe por primeira vez, me sentín abraiada polas verbas do político que nos goberna. Afloraron sentimentos de enfado, de tristeza, de impotencia, pero creo que a que máis me tocou foi a ira. Un enfado por todo o que estar a pasar e porque ninguén dos que nos gobernan a nivel de concellos diga nada, onde impera o mutismo, eses mesmos que verán as luces dos baixos dos seus concellos apagarse para nunca xamais volver a prenderse.
E unha última reflexión: non será mellor confinar durante 15 días para dobregar a curva, a que sempre paguen os mesmos o pato? Porque por moito que se perimetre, que se pechen os bares e un longo etc... non está a funcionar, e se pensas que a solución é esta, que lle pregunten aos de Vimianzo que levan perimetrados e con restricións dende novembro.
- Firmado: Unha persoa autónoma, veciña, que lle encanto o rural, pero que está moi cabreada..