Luns. 04.11.2024
El tiempo

Novas contratacións de persoal de Turismo nos concellos da Coruña

Xosé Regueira
O deputado responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira.
Novas contratacións de persoal de Turismo nos concellos da Coruña

Máis de cincuenta persoas serán contratadas para as oficinas de turismo a través da convocatoria da área de Turismo da Deputación da Coruña, que destina case oitocentos mil euros ao financiamento desta liña de axuda aos concellos. 

Un total de 774.273,73 € é o orzamento da concesión provisional da liña de axudas para contratación de persoal para oficinas de turismo convocadas pola Deputación da Coruña. 

Son cincuenta e cinco os concellos de menos de 50.000 habitantes que son beneficiarios desta convocatoria que concede nesta edición até 20.000 euros por municipio segundo a solicitude realizada, o tempo de contratación ou o número de persoas contratadas.  

A Deputación da Coruña aposta con esta liña pola profesionalización do sector co financiamento das retribucións do persoal técnico para oficinas de turismo de concellos, por un período mínimo de catro meses, coincidindo coa tempada alta de turismo. 

"Esta liña é un eixo fundamental da xestión da área de Turismo da Deputación da Coruña xa que, por unha parte, contribúe á empregabilidade de persoas con formación no sector e, pola outra, é fundamental á hora de profesionalizar a atención turística, coa contratación de persoas especializadas", sinala o deputado responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira.

Comentarios