Os Dolmens da Costa da Morte celebran os Días Europeos do Patrimonio acollendo unha serie de visitas guiadas
Quere celebrar a Deputación da Coruña os Días Europeos do Patrimonio. E para iso artella unha serie de actividades entre o 1 e o 6 de outubro. Visitas guiadas, contos, música, xogos, astronomía e rutas nocturnas completan o programa desta primeira edición de XEPDAC, as Xornadas Europeas do Patrimonio da Deputación da Coruña. Un proxecto común asinado por 50 estados, que este ano ten por lema “Rutas, redes e conexións”.
O programa empeza abrindo as portas do Pazo Provincial da Coruña o 1 de outubro, incluíndo tamén visita ao Teatro Colón (incluídas visitas de centros de ensino.
O mércores 2, toca cita nas Torres de Altamira (Brión).
Será o xoves 3 cando a Costa da Morte comece a cobrar protagonismo. Os Batáns e Muíños do Mosquetín (Vimianzo) acollerán unha fermosa xornada escolar, coa rapazada do CEIP San Vicenzo de Vimianzo, da man da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.
O venres visitaranse tres estacións emblemáticas do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre. O Castriño de Conxo (Santiago de Compostela) ás 13 e ás 17h, e unha ruta nocturna especial ás 21h aos petróglifos da Peneda Negra e Monte Castelo (Ames) co Colectivo A Rula, unha asociación referente na defensa destes gravados prehistóricos.
Sábado, a Costa da Morte protagonista
O sábado 5 será a quenda do, aínda en fase de constitución, Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, coa visita a tres antas destacadas de cada comarca: Dombate (Cabana de Bergantiños) ás 11 e 12h; Pedra da Arca (Vimianzo/Dumbría) ás 13 e 17h e a Mina da Parxubeira (Mazaricos) ás 18 e 19h.
O terceiro parque a descubrir será o da Idade do Ferro, no Barbanza. Haberá visitas guiadas aos castros de Neixón (Boiro) ás 11 e 13h; Baroña (Porto do Son) ás 12 e 18h e A Cidá (Ribeira) ás 17 e 19h.
A asistencia ás diferentes actividades é gratuita e require de reserva previa, a través da web dacoruna.gal/patrimonio. As reservas xa están abertas e as prazas son limitadas.