Martes. 19.03.2024
El tiempo

Dunha Fisterra a outra Fisterra: Plácido Castro en Irlanda

As illas Blasket desde o Blasket Center
As illas Blasket desde o Blasket Center
Dunha Fisterra a outra Fisterra: Plácido Castro en Irlanda

Durante este tempo de pandemia e confinamento moitas institucións facilitaron o acceso na rede ás súas producións. Así, a Fundación Plácido Castro e o Instituto Galego de Historia colgaron A propósito da viaxe de Plácido Castro ás illas Blasket (Irlanda, 1928), unha serie de relatorios presentados nunha xornada celebrada o ano pasado en Vilagarcía de Arousa,  con edición a cargo de Uxío-Breogán Diéguez e Xulio Ríos.

O libro conten catro colaboracións de Uxío-Breogán Diéguez, David Clark, Keith Payne e Manuela Palacios. Os traballos céntranse sobre a atracción e impacto da cultura e causa irlandesa entre os galeguistas desde Murguía á xente de Nós, a Irlanda que encontrou Plácido Castro na súa viaxe e un par de reflexión sobre como xestionar ese legado cultural no presente e dinamizamos as relacións entre os dous países e culturas nun contexto distinto ao que experimentou Plácido Castro.

Cara ás illas Blasket

A paisaxe da península de Corcaguiney desde o aparcadoiro do Blasket Center e mirando cara ao leste
A paisaxe da península de Corcaguiney desde o aparcadoiro do Blasket Center e mirando cara ao leste

En marzo de 2013 fun invitado pola asociación Celtic Neighbours, en representación do Museo do Pobo Galego, a Dingle (Irlanda). Era a miña cuarta viaxe a esa illa. Desde Dublín Heuston fomos en tren até Kirlane, acompañado por David Clark, profesor da Universidade da Coruña e un dos colaboradores nesta obra; despois, en coche até Dingle por unha estrada estreita e chea de curvas. Na furgoneta varios acentos e linguas: un escocés das Hébridas, un representante dun museo de Frisia, un escocés-galego, un galego  e o condutor local.

No segundo día da nosa estadía leváronnos até o extremo desta península de Dingle, por unha estrada aberta nos tempos da Gran Fame para aliviar a situación das xentes deste extremo da península de Corcaguiney, para visitar o Blasket Center en Dún Chaoin. Alí o encargado explicounos o centro e a historia das illas Blasket. Nun momento dixen que un galego visitara as illas e escribira sobre elas na década de 1920. “Ah si, Plácido Ramón”, dixo. O escoitar o nome deste corcubionés podería dicir o que el dixera cando en Dublín escoitou dicirlle a Eoin McNeill, historiador e exministro de Educación, que Galicia era a terra dos devanceiros irlandeses, entón “sentín unha das máis fondas emocións que experimentei durante a miña estadía en Irlanda”.

As Blasket son un conxunto de seis pequenas illas a menos de cinco quilómetros da costa. Estiveron habitadas até 1953, ano en que o goberno irlandés decide evacuar ao continente aos seus xa poucos habitantes,- unhas fontes falan de trinta adultos e un só rapaz, outras de vinte-, que vivían nun medio hostil, mal comunicados no medio dun mar sempre cambiante e cargado de temporais, cunha economía de subsistencia baseada na pesca e nunha agricultura escasa e esperando por un naufraxio como auga de maio para aliviar a situación. Aquí tamén foron  bater algúns dos barcos da chamada Armada Invencible.

Pero a palabra “illamento” pode ter semánticas diversas. No ano 2014 o xornal The Irish Times publicaba unha reportaxe sobre ese único neno que vivía nas Blasket no momento da evacuación e con motivo de publicar un libro de memorias, algo que semella ser costume da xente destas illas. Confesou que non recordaba sentirse só nunca. O comentario viña a raíz de que na súa casa tiña enmarcado unha reportaxe de 1948 sobre a súa figura na que aparece tocando o violín e titulado “O máis solitario neno do mundo. Só ten gaivotas como compañeiras de xogos”.

O faro de Teeraught o mais occidental e a última luz de Irlanda para os emigrantes-Fonte-irishlights.ie
O faro de Teeraught o mais occidental e a última luz de Irlanda para os emigrantes-Fonte-irishlights.ie

Na illa máis occidental, e sobre un alto cantil, un faro, a última luz de Irlanda que vían os emigrantes na súa viaxe cara a América.

A mirada cara ao occidente

Este illamento ou situación nunha xeografía periférica levou até a illa principal a estudosos do folclore e da lingua gaélica desde finais do século XIX e comezos do XX. Como moitas outras culturas nacionais que buscaban un camiño propio para saír da cultura imposta pola imperialismo, a cultura irlandesa deste tempo explorou camiños cara a lugares afastado das incursións do colonialismo o máis posible. No caso irlandés estes camiños levaban cara ao oeste, onde a xente aínda era monolingüe en gaélico: Connemara, illas Aran, Sligo e as illas Blasket. 

A mirada cara ao oeste foi importante no desenvolvemento da literatura e arte irlandesa. Aí están as obras do Yeats escritor e do Yeats pintor, ou do dramaturgo J. M. Synge (algunhas traducidas ao galego por Antón Vilar Ponte ou Ramón de Valenzuela, o que nos di da mirada nosa cara Irlanda), dando lugar a unha idade de ouro creativa, un verdadeiro rexurdimento. Mais tamén valeu para visibilizar unha personalidade histórica propia en oposición á mirada cara ao este ou máis subalterna ás tendencias londinensas. Esta mirada cara ao solpor contribuíu a que Irlanda se descubriu a si mesma e descubriu tamén o seu pasado, especialmente o pasado gaélico. Neste contexto o mundo gaélico era a rocha sobre a que erguer os alicerces do novo Estado.

E nestes terras mal comunicadas sentíase que aínda non chegara a contaminación do inglés, que permanecían intactas ás influencias modernas. Idea romántica cando o ideal desta xente era emigrar a América e case todas as casas tiñan parentes alá que lle enviaban diñeiro para facer máis levadeira a súa existencia. Din que as Blasket limitan polo oeste coa parroquia de S. John´s en Terranova.  

E cara ás Blasket camiñan diversos estudosos, desde filólogos a recolledores de “intactas supervivencias”. Un destes, Robin Flower, poeta, encargado da sección de manuscritos gaélios do British Museum, “a principal autoridade do Museo Británico sobre cuestións célticas”, foi quen levou ao corcubionés Plácido Castro até as illas, pasando alí uns días e falando e convivindo cos seus habitantes. E Flower, inglés, chega ás illas porque antes chegara o seu profesor de gaélico e, despois, el enviará tamén aos seus discípulos. Para estaren illadas parece que recibían bastantes visitas.
Plácido Castro e Flower chegan chegan ás illas, como non podía ser doutro xeito, nunha curragh, unha pequena embarcación de lona alcatranada. Na borda cara á proa ”unha botelliña de auga bendita” que levan todas as embarcacións da costa oeste. Á volta “collo o remo que me ofrecen e vogo sen cansazo ata Dunquín”, e desembarca ledo despois de ter remado “nas augas deste Fisterre do norte despois de ter vogado tantas veces preto do noso Fisterra”.  

A botelliña para a auga bendita nun modelo de curragh na exposición do Blasket Center
A botelliña para a auga bendita nun modelo de curragh na exposición do Blasket Center

Obxectos de traballo das xentes das Blasket que ben poderían ser nosos
Obxectos de traballo das xentes das Blasket, que ben poderían ser nosos 

Entre eles con Tomás O´Crohan, Modelo de autenticidade do ser irlandés para o novo Estado e manancial de información para os estudosos que até estas illas se achegaron. Plácido Castro estivo na súa casa, escoitou as súas narracións e os consellos para que aprendera gaélico. Este home foi autor dun libro autobiográfico, The Islandman, el que apenas tivo unha escolarización primaria e aprendeu a ler e escribir en gaélico cando pasaba dos corenta, que foi todo un acontecemento e converteuse nun clásico da cultura irlandesa. Publicado primeiro en gaélico (1929)  e traducido ao inglés por Robin Flower (1934) e do que se fixeron diversas edicións e traducións a outras linguas. O libro narra a vida nas illas, os modos de vida dunha xente que vivía do que pescaba e do que daban as pequenas leiras e o pouco gando que, ás veces, se despenaban polos cantís no seu pastoreo. Un exemplo de que a vida da xente normal pode ser substancia para a literatura. O seu obxectivo non era outro que deixar testemuño dun xeito de vida que nunca máis volverá a ser como era, el que non coñecía outra.
Capa do libro de Tomas OCrohan, The Islandman
Capa do libro de Tomás O´Crohan, The Islandman 

Plácido Castro é un observador interesado e privilexiado nun tempo política e culturalmente intenso en Irlanda. Non só observa, senón que compara coa realidade galega, por exemplo, observa a importancia da Gaeltacht (zonas de fala predominantemente gaélica) e as medidas que empeza a tomar o goberno de preservación do idioma, algo que hoxe segue tendo actualidade aquí entre nós. El describe o que ve: as casas, a paisaxe, as pedras que terman dos teitos de palla por dentro para que o vento non os levanten, como as pedras que había sobre os tellados de Muxía, pero describe para testemuñar unha realidade, comparar e axudar a definir un  mundo mellor.

Cheguei tarde a Plácido Castro. O meu interese comezou a finais da década de 1980 cando Belén Moreno e Antonio Couceiro, profesores no instituto Agra de Raíces e prematuramente falecidos, nos falaron da casa na que vivían en Corcubión (encima onde entón estaba a cafetería O Pazo), preguntando de quen fora, pois non era un piso como os outros que se alugaban na zona. Pouco despois nunha visita a unha xente en Muxía chamoume a atención un cadriño cunha vista de Chorente. Preguntei quen o pintara e a resposta foi: “un de Corcubión que estivo agochado aquí en Muxía”. Non coñecía a historia local porque a ditadura franquista quixo borrar a memoria desta xente e negarnos o acceso a nosa propia historia.

É un labor de dignificación humana reivindicar a memoria e o traballo desta xente que, no mellor da súa vida e creatividade, tiveron que fuxir da barbarie fascista, dos mesmos que hoxe pasean metros de bandeiras polas rúas das cidades contra o confinamento.  

  • Manuel Vilar ÁlvarezLicenciado en Xeografía e Historia e máster en Xestión de Patrimonio Cultural. O seu labor profesional desenvólvese no campo da antropoloxía e patrimonio, comisariando exposicións, como a que se realizou en 2012 no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) con motivo do terceiro centenario do arquitecto Domingos Antonio de Andrade. Autor de diferentes publicacións sobre estes temas, así como sobre A Costa da Morte e o camiño de Santiago, especialmente o de Fisterra e Muxía

Outros artigos

MÁIS ABERTURAS. MEMORIAS E PAISAXES

Comentarios