Escora marida a danza contemporánea coa tradición da Costa da Morte
Prepáranse as rúas de Zas, Camelle, Corcubión, Mazaricos e Carnota para recibir o programa Escora Danza. Despois de varios meses de inmersión na comarca, o proxecto de danza contemporánea da Deputación da Coruña coordinado por Marcia Vázquez, vive os momentos máis emocionantes cunha programación íntegramente galega adaptada á paisaxe e incluindo actividades para todas as idades, de balde e sen reserva previa.
Ao longo desta ponte das Letras e da seguinte fin de semana terán lugar varias actividades, nas que se poderán gozar espectáculos de danza propiamente ditos, pero no que haberá charlas, obradoiros, e sobre todo, a posta en escena de traballos feitos na comarca.
É o caso da cta que terá lugar en Zas o 17 de maio, a partir das 12:00h nas Torres do Allo. Fran Sieira leva traballando semanas coa familia Adro de Baio, para ofrecer LEA.
Por Camelle, Diego Buceta e Alejandra Balboa estiveron dúas semanas de residencia no Museo de Man e na Casa no Alto de Mar de Fábula, traballando con varias compañías. O resultado será o espectáculo "Cando lle permito ao corpo aquilo que digo’”, que verá a súa estrea o sábado 18 de maio ás 19:00h na Praza da Igrexa.
Tamén viviu a súa residencia artística Félix Fernández en Corcubión. Aloxado na oficina de Protección Civil creando o espectáculo "Xavier a través de min”, que se poderá ver o 25 de maio no Cárcere Vello.
Tamén en Mazaricos as actividades implicaron á veciñanza. o sábado 18 e o domingo 19 terá lugar un obradoiro aberto á veciñanza baixo o título “O meu tempo”. Será impartido pola compañía A ARTÍSTICA. O primeiro deles, o sábado, terá lugar na Casa da Escola en Arcos, e estará destinada á veciñanza da parroquia. O segundo, o domingo, celebrarase na Casa de Cultura da Picota. Ambos os dous comezarán ás 11:30h de cadanseu día.
O domingo 19 terán lugar senllos espectáculos de danza na rúa no espazo axardinado do merendeiro situado á beira da piscina municipal da Picota. Ás 19h arrincará a obra 'Equinoccio', dixirida por Anuska Fernández e onde actuarán as alumnas das clases de movemento da Picota. Posteriormente, actuará a Compañía A Artística con Mónica de Nut no espectáculo “Cando marche non vou pecha-la porta”. En caso de chuvia, a programación da tarde do domingo trasladarase á Casa de Cultura.
PROGRAMACIÓN
A programación de danza comezará o día 15 de maio en Zas, onde tamén terá lugar outra actividade o día 17; en Camariñas, os días 16 e 18; en Mazaricos, o 18 e o 19; Corcubión o 24 e o 25 e en Carnota, o 26.
Zas
- Venres 17 de maio,ás 12:30 nas Torres do Allo. Espectáculo de danza creado por Fran Sieira e Asociación Cultural Adro de Baio nas Torres do Allo. Posteriormente haberá unha foliada aberta.
Camelle
- Xoves 16 de maio: Actividades co alumnado do instituto Pedra da Aguía no Museo de Man de Camelle.
- Sábado 18 de maio ás 19:00h na Praza da Igrexa de Camelle: Espectáculos de danza na rúa e pandereteiras.
Mazaricos
- Sábado 18: Obradoiros para a veciñanza de Arcos pola compañía A Artística.
- Domingo 19 ás 19:00h no Merendeiro diante das piscinas da Picota: Espectáculos de danza na rúa.
Corcubión:
- Días 21 e 24: Obradoiros con Félix Fernández.
- Venres 24 de maio ás 18:00 h no Carérce Vello. Coloquio mediado por Boca de Sapo e a Universidade Cromática das Virtudes.
- Sábado 25 ás 19.00h diante da Igrexa de San Marcos: Obradoiro de danza con Ánxela Blanco e Beatriz Rubio para as familias da Plataforma Reiseñores e espectáculos de danza na rúa.
- Sábado 25: ás 21:00h no Cárcere Vello: espectáculo “Xavier a través de min”.
Carnota:
- Día 26, ás 19:00h diante da Igrexa de Santa Comba: Obradoiro co Clube de Fútbol De Carnota e coa asociación Sonlilá, e espectáculos de danza na rúa.