domingo. 01.12.2024
El tiempo

As fábricas de Ferroatlántica están ao 30% da súa capacidade de fabricación

O comité de Ferroatlántica pídelle á Xunta que convoque unha reunión a tres bandas ante o progresivo desmantelamento das fábricas

Fábrica de Ferroatlántica de Dumbría
Fábrica de Ferroatlántica de Dumbría
As fábricas de Ferroatlántica están ao 30% da súa capacidade de fabricación

Non para o calendario de mobilizacións dos traballadores de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, como non para o progresivo desmantelamento das fábricas costeiras. Este xoves 13 de febreiro os traballadores realizarán sendas asembleas en Brens e Dumbría, para propor un calendario de mobilizacións polo futuro do emprego e da actividade produtiva nas fábricas.

Unhas asembleas que aproveitarán para explicar o tratado na reunión mantida onte entre o Comité e o secretario xeral de Minas, a subdirectora xeral de Relacións Laborais e o secretario xeral técnico da Consellaría. Unha reunión na que o Comité lle solicitou á Xunta uha reunión a tres bandas (empresa, comité e Administración). Unha reunión necesaria ante o “recorte drástico da produción” (que xa provocou o peche do forno 13, que apenas estivo 6 meses en funcionamento), e na que pedirá que a Xunta esixa un Plan de Viabilidade para garantir o emprego e o futuro industrial.

As cifras

Ten cifras o comité dese recorte de prodicón. “As factorías están ao 30% da súa capacidade de fabricación, mentres que a produción de electricidade está ao 100%, confirmando que o único interese de TPG-Ithaka está no negocio da enerxía e que a operación orquestrada con FerroGlobe é unha fraude. De feito, a empresa está vendendo catro veces máis enerxía da que compra para fabricar ferroaliaxes, algo que contravén claramente as condicións das resolucións da Xunta de Galiza a respecto de que a produción hidroeléctrica debe garantir a actividade das fábricas”, explican dende o Comité.

En canto á produción, cómpre subliñar que “o forno 13 estará parado durante todo 2020 e sen data concreta para o seu arranque, nin sequera no horizonte da aprobación do estatuto para as industrias electrointensivas. O resto dos fornos están sometidos a un plan de paradas diarias, entre 10 e 14 horas diarias, o que provoca avarías con risco e que haxa que facer reparacións de continuo. Ademais, a empresa ameaza con cesar tamén o forno 14, decisión que deixaría a este centro de traballo sen fabricación de aliaxes de manganeso”.

Por se non fora abondo, “o comité tamén alerta do recorte nos cadros de persoal, tanto nas centrais hidroeléctricas como nas fábricas, xa que non se cobren as xubilacións, reduciuse o número de traballadores/as nas quendas e despedíronse nas últimas semanas a 18 compañeiros/as eventuais”.

NOVAS DO CONFLITO #FERROATLÁNTICA

Comentarios