Galicia rodeará a Xunta en contra da invasión eólica
Nova cita de protesta social pola invasión eólica en Galicia, un país onde se dá a paradoxa de que son os colectivos ecoloxistas os que se opoñen á implementación dunha fonte de enerxía renovable.
A Coordinadora Eólica Así Non vén de facer unha convocatoria para que a cidadanía acoda a unha manifestación e a rodear a Xunta o vindeiro 23 de abril. Unha data escollida pois é a data límite establecida pola normativa vixente para outorgar autorización previa aos proxectos eólicos promovidos en Galicia que contan con declaración de impacto ambiental favorable.
Así, colectivos, plataformas, asociacións… berrarán contra o “modelo depredador da enerxía eólica“, como ben sinala o lema “Rodeamos a Xunta. Non á depredación macro-eólica especulativa”. Consideran que esta invasión de parques é unha “auténtica catástrofe ambiental e social sen precedentes, na que en especial o medio ambiente e o rural galegos ficarían dilapidados para sempre e en mans de multinacionais destrutoras do territorio”.
A Coordinadora informa que a día de hoxe xa hai 77 macroparques con esa autorización previa, e cuxa aprobación podería ser inminente, polo que a entidade pide que se declare a nulidade das mesmas.
Así mesmo, a Coordinadora solicita “a inmediata paralización duns 150 expedientes eólicos que a Xunta aínda mantén en tramitación”.
Novo “plan ordenado”
”Desde a Coordinadora Eólica Así Non levamos máis de 2 anos reclamando unha nova planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo, demandando unha moratoria, pero agora a paralización de todos os proxectos é máis necesaria que nunca”, explicaron dende a entidade conformada por máis de 200 colectivos galegos do eido ecoloxista, sindical, cultural, veciñal e comunidades de montes.
Máis novas sobre Eólicos
- Carta a un irmán: "Eólicas, así non”.
- ADEGA pon o Campelo como exemplo de “posible caso corrupción xeneralizado na tramitación de parques eólicos”.
- Decembro 22: A Costa da Morte berrou por triplicado “Eólicos Así NON”.
- Decembro 2021: A Xunta confirma que o 30% de Galicia quedará afectada polos eólicos.
- INFORME (marzo 21): O novo impulso eólico propón máis de 40 novos proxectos na Costa da Morte.