Sábado. 27.04.2024
El tiempo

As iconas do Nunca Máis volveron saír á rúa por Entroido

O Entroido do Prestige a rua UGBN 2
As iconas do Prestige á rúas
As iconas do Nunca Máis volveron saír á rúa por Entroido

Aquel Entroido de 2003 foi toda unha demostración de retranca feita arte. As rúas do país ateigáronse de elementos vinculados á catástrofe do Prestige, como aquela baralla de cartas coas caras dos políticos do goberno, ou aquela maqueta negra do barco que protagonista na manifestación de Madrid. E precisamente para recuperar esas iconas entroideiras do Nunca Máis, Unha Gran Burla Negra, aproveitando a exposición ‘Sempre Máis. Arte, Ecoloxía. Protesta na Galiza do Prestige’, fixo unha acción ben simbólica.

Esta tarde de sábado sacaron o barco e o Rei de Bastos, “o Sr. Hilillos”, da exposición ás rúas de Compostela, nunha acción que trata de “proxectar o Nunca Máis cara o futuro”, e pasar do #NuncaMáis ao #SempreMáis, facendo un paradoxo, un guiño a esa idea do capitalismo que sempre necesita medrar para facer que continúe o sistema.

”A mostra quere dignificar a desbordante creatividade popular do Nunca Máis, dunha arte que non foi tomada en serio como tal, porque estaba vestida de materias precarios: papel, cartón, piche, materias de refugallo, plásticos ou píxeles”, como explica UGBN, que vén recuperando o arquivo vivo do Prestige dende 2017.

O Entroido do Prestige a rua UGBN

Precisamente a mostra que loce no Auditorio de Galicia, “unha intersección de arte, protesta e natureza”, Comisariada por Germán Labrador, coa colaboración de Anxo Rabuñal e a doutora afincada en Corcubión María Bella, permanecerá aberta todos os días até o 21 de maio de 2023, de 10.00 a 14.00h e de 16.00 a 20.00h, con entrada de balde.

A mostra conta con 150 pezas organizadas en 5 eixos: a construción dunha conciencia ecolóxica a partir da memoria das loitas veciñais e ambientais desde os anos setenta; interrógase pola relación entre pacifismo e ecoloxía ante os desafíos propios do século XXI, nun contexto global de esgotamento do petróleo; como terceiro punto, presenta as formas artísticas da protesta do Prestige a partir das tradicións populares galegas e, especialmente, da estética do entroido, en cuarto lugar, estuda as formas de arte que xurdiron a partir do 2002 dende a observación e o diálogo coa natureza. E, finalmente, defende a capacidade do Nunca Máis de traballar en rede e de activar formas de imaxinación política útiles para o futuro.

Comentarios