As luces e sombras da volta ao colexio coa Covid-19
A volta ao colexio leva sendo un dos temas máis comentados durante un tempo. Tras o longo período de confinamento e todo o verán, o retorno ás clases presenciais dentro desta nova normalidade xeraba e segue xerar un mar de dúbidas tanto para as familias como para o propio persoal docente dos centros educativos. En lugares como Cee, Carballo ou Laxe, mesmo se celebraron concentracións convocadas polos sindicatos e ANPAS demandando máis recursos, máis persoal e menos ratio co fin de poder garantir unhas #AulasSeguras.
Polo momento, tras pouco máis dun par de semanas do inicio desta nova etapa nos colexios de infantil e primaria, o balance semella positivo. Falamos con varios centros da zona, como CEIP Praia de Quenxe, o CEIP o Areal de Camariñas ou o CEIP Fogar de Carballo, que nos contan a súa experiencia nestes primeiros días.
Nun primeiro momento, nalgúns concellos da zona, a idea da volta ao colexio era bastante temerosa. Dende o centro camariñán explican que “ao principio houbo un brote no pobo, entón moitos pais non sabían que facer, estaban un pouco perdidos”.
Un caso semellante ocorreu no Fogar, xa que Carballo ata hai ben pouco era unha das zonas da nosa comarca que estivo con medidas de restrición para frear o brote que xurdiu na vila. O centro carballés, ante esta situación asegura que se están a tomar os protocolos “con moita máis intensidade”, xa que “ as cousas non pintaban ben, sobre todo a principios de setembro, pero parece que as cousas están funcionando e empeza a ir a mellor todo”.
Adaptándose á nova normalidade
Os centros saben que as novidades para este novo curso supoñen un gran cambio no día a día do normal funcionamento dos colexios pero que a adaptación a todos os protocolos asignados pola Xunta está a ser favorable.
Estes protocolos contan cunha longa lista de novidades tanto para os alumnos como para as familias e o propio centro, como por exemplo, uns distintos horarios de entrada e saída por diferentes lugares do centro, un novo sistema de circulación interna direccional, o establecemento dun sistema de vixilancia e control das medidas de distanciamento...
Unha das cousas que destacan dende os colexios é, sobre todo, a pronta adaptación que está a ter sobre todo o alumnado, “nos están dando a todos un exemplo”, afirman dende o CEIP Fogar, que mesmo propuxeron o uso da máscara tamén en infantil e indican que está funcionando perfectamente.
Por outro lado, os pais e nais dos rapaces tamén son outros dos grandes prexudicados desta situación, que viron como a conciliación estase a ver afectada en moitos casos, que deben engadir no seu día a día un tempo extra para revisar por protocolo que os seus fillos non teñan síntomas compatibles coa Covid-19, ou que ven danada a comunicación cos centros, que agora pasa a ser telemática en case a súa totalidade.
Mais a isto tamén hai que sumarlle que, debido á situación que estamos a vivir, a propia educación dos rapaces tamén é outra das grandes prexudicadas, ao ter que mudar as prácticas habituais por outras dinámicas que garantan a seguridade dos nenos. “Os nenos están acostumados a socializar no colexio. Este é un sitio onde coñecen a outros nenos, e agora mesmo é máis complicado. As actividades con dinámicas de grupo agora non se poden facer porque hai que manter a distancia e temos que optar por outros métodos, gústenos ou non”, indican dende o CEIP Praia de Quenxe.
As expectativas deste curso
Con este panorama, a idea de que o curso se leve a cabo con normalidade amosa os seus claros e escuros e son moitas as opinións que crea. Dende o CEIP o Areal pensan que esta é unha situación insostible, xa que con “aulas de 40 metros cadrados con 25 nenos, é imposible. Ao final se hai un contaxio, van a ir todos”.
No Fogar e no Praia de Quenxe son algo máis optimistas ante a situación. O centro carballés recoñece que “sostible é”, sobre todo grazas ao “traballo excepcional” que está a levar a cabo a comunidade educativa, máis tamén pon no punto de mira “o custe” de toda esta situación en aspectos como “o emocional, o social e, dende logo o formativo” .
Pola súa parte, o colexio de Corcubión tamén admite que “igual en determinados momentos é un pouco máis complicado, pero esperamos que este curso teña que ser así pero ogallá a enfermidade vaia mellorando e que as medidas vaian sendo un pouco máis flexibles”.
De todos modos, o medo ao contaxio segue a ser un dos principais temores que deben afrontar os centros educativos. Polo de agora, os últimos datos oficiais por parte da Xunta confirman que hai un total de 161 positivos nos colexios de toda Galicia, mais na área da Costa da Morte en concreto tan só se rexistraron un total de 10 positivos (6 en Carballo, 3 en Cee e 1 en Coristanco), e unha aula pechada temporalmente, unha do CEIP Netoma Razo de Carballo. Os outros centros afectados foron o CEP Artai, o IES Isidro Parga Pondal e CEIP A Cristina (ambos de Carballo), o CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, así como os ceenses CPR Manuela Rial e CEIP Eugenio López.
Polo momento, os datos non chegan a ser alarmantes, pois a incidencia está a ser baixa. Veremos como evolucionan estes datos agora coa incorporación do alumnado de secundaria, bacharelato e algúns dos FP. De todos xeitos, o protocolo dita unhas regras claras e concisas en caso de contaxio no centro, aínda que estas poden sufrir cambios nun futuro en función da maneira na que vaian resultando efecto na práctica.