PROTECCIÓN ANIMAL
“É moito máis barato facer que baixe o abandono, que asumir a situación actual”
A semana pasada o BNG denunciaba que o Concello de Cee incumpre sistematicamente a Lei de Protección Animal. Unha Lei que se puña en vigor o pasado 2018, pero aos concellos parece que lle “colleu o touro”, e que obriga a tratar o abandono de xeito ético e responsable, acollendo os animais abandonados, coidándoos e buscándolle un novo fogar.
Unha labor que fan varias das canceiras, como a de Carballo, pero que tamén realiza algunha empresa especializada da bisbarra. Así fai XEA, Xestión Ética do Abandono, que dende Brandomil, Zas, traballa para toda a comarca. O procedemento é sinxelo: pasan a cada concello un orzamento pola recollida, o mantemento e a busca dun novo fogar de can aparecido no seu termo municipal.
”Estamos, pouco a pouco, comprobando que os Concellos se están dando conta que é mellor contratar este servizo, porque lle facemos todo o traballo. Cóstalles entrar pero unha vez que entran o servizo é boísimo, explica Óscar Villar, responsable de XEA.
Os Concellos levan todo o ano queixándose da falta de axudas da Xunta, que é certo que lavou as mans co problema. Está claro que é un problema para os concellos, un problema real, pero vemos que moitos ‘van facendo’, no canto de poñerse a tratar o tema de raíz. “Eu creo que máis que queixarse, deberían pensar en como podemos facer para pagar menos?”.
Traballar na prevención
Porque o problema é que hai un índice de abandono moi alto, e ”entran os cans e teslle que dar saída”. E “sempre hai algún can que se vai enquistar, como un can cego, un raza potenciamente perigosa, ou un ancián. Son cans cunha saída moito máis complicada, que nos obriga a mantelos moito máis tempo, cos custes que xenera, porque non se poden sacrificar. Nós traballamos con asociacións colaboradoras que nos axudan a sacar adopcións, tanto a nivel local, como a nivel internacional levamos mandado moitos animais a Inglaterra, Holanda… a verdade é que temos historias espectaculares”, conta, como precisamente a de Xana e Dorada, que foron adoptadas pola rede da Xunta no Reino Unido, e teñen que pasar 3 días por un centro especializado para preparar a viaxe.
De aí que o importante é que o abandono vaia a menos. ”O seguinte paso, e o máis importante, é que o problema baixe, é traballar para que haia menos abandonos”. Pero por aí parece que os Concellos aínda non queren pasar. “Pódense tomar boas medidas para que baixe o abandono: facer un censo canino, realizar charlas nos colexios (esto facémolo de balde) ou outras accións de concienciación”, explica Villar.
“Se eu comezo un censo canino, e fago este mes 100 vivendas, comprobando que os cans teñen o chip… ao segundo mes fago outras 100 casas. Aí xa se xenera un runrun nas vilas de que están controlando os chips e iso é o que fai que a xente poña os chips”, explica Villar.
Concello a Concello
”Nós traballamos con moitos concellos. Nalgúns concellos chaman moito e noutros chaman moi pouco, non sabemos se é porque se se abandonan menos cans…” dubida. E fai unha valoración: “Os que están no Camiño teñen que traballar bastante con nós, do resto hai de todo”.
”Fisterra é un dos mellores exemplos, chaman por cada can, gracias a xestión de Kuka Sar, teniente alcalde. De feito, están traballando moi ben no programa de castración e implantación de chips de colonias gatos, outras das variantes da lei, malia que tiveron que parar momentameamente pola problemática que tiveron co can aforcado do ano pasado, que lles obrigou a coidar o resto de animais desa vivenda”.
Outros concellos como Carnota, Dumbría ou Muxía levan un tempo traballando constantemente con XEA. Camariñas empezou hai pouco, como Muros ou Zas, que cada vez están mandando máis animais. Mazaricos e Santa Comba aínda teñen marxe para traballar mellor.
Outros como Cee e Corcubión teñen o presuposto enriba da mesa pero dende XEA non teñen novas. “Con nós están traballando, e que eu saiba non hai outras empresas que fagan este servizo”.
Caso diferente é o de Vimianzo ou Carballo, onde hai unha protectora, “e cando necesita axuda nós estamos aí”.
Traballo abondo para as protectoras
Precisamente sobre o papel das protectoras, Villar recoñece que é moi importante. “As protectoras teñen traballo abondo. Teñen que estar atentas para denunciar casos de maltrato, teñen que vixiar aos concellos e ás empresas, que fagan todo correcto, teñen que axudar na adopción, e teñen moita labor na concienciación para que baixe o abandono”, explica.
De feito, valora que “a colaboración actual entre as protectoras e as empresas como XEA é un exemplo pioneiro na Costa da Morte. É un traballo, que facemos profesionalmente e con principios éticos, e de aí que xentes como Peludos de Cris (Ponte do Porto), Anajata (Muros), ou a propia iniciativa Salvacadelos, estean encantados en traballar man a man con nós”.