luns. 02.12.2024
El tiempo

Por que non se homologa o Camiño dos Faros? Os trans@s rebentan contra as administracións

Camino dos Faros por Laxe
Por que non se homologa o Camiño dos Faros? Os trans@s rebentan contra as administracións

Algo pasa co Camiño dos Faros. Non é normal que un recurso turístico tan redondo e xa implantado como este sendeiro de 200km polo noso litoral non consiga unha homologación oficial. Un recurso creado pola cidadanía, a marea trasna, que o único que quere é que as administracións asuman o mando para conseguir unha homologación como Ruta de Gran Percorrido GR, “que implicaría un mellor mantemento e señalización, mellorando así a experiencia e a seguridade do usuario”.

Así de sinxelo parece, e en calquera sociedade madura en un ou dous anos estaría solucionado e todo un país usaría o Camiño como reclamo. Pero son xa 6 anos e máis de 70 reunións as mantidas, no seu tempo libre, polos membros da Asociación Camiño dos Faros, e o resultado é nulo.

Entre os 9 concellos, a Deputación, a Xunta, Turismo de Galicia, o CMAT, Medioambiente da Xunta, Federación Galega de Montañismo, Costas do Estado, Portos de Galicia, e Autoridade Portuaria de Coruña non teñen conseguido absolutamente nada.

Ante esta eterna situación de espera os trasn@s están fartos. Xa en xaneiro renunciaban a facer as saídas conxuntas este ano en ánimo de protesta. Agora lanzan un comunicado no que arremeten contra todas e cada unha das administracións, por incompetentes, con dureza.

A Asociación recolle nun PDF de 50 páxinas todo o traballo que leva feito para a homologación, e lamenta que as administracións intenten diluilo no marco doutros proxectos semellantes (Senda dos Faros da Deputación; Ruta dos Faros da Xunta…) que non teñen a mesma implantación social na zona e en medio mundo, onde o Camiño dos Faros xa é unha referencia en materia de turismo sostible e sendeirismo.

Por iso teñen claro que “O Camiño dos Faros é unha ruta GR e homologarla é o futuro. Sen homologación non hai xestión, non hai protocolo de limpeza, non hai sinalización, non hai seguridade, non hai control medioambiental, non hai nada. Un único carreiro ben sinalizado protexerá o resto, ademais de poñer en valor todo este tramo de Rede Natura. Non necesitamos que sexa GR para a promoción, a promoción fai tempo xa que vai moi por diante do resto”.

De todos modos están cansos de batallar, e ofrecen dúas saídas a todo isto: ou a colaboración entre administracións ou o esmorecemento do mellor recurso turístico e natural que tivo nunca a Costa da Morte.

 

Novas do Camiño dos Faros

Comentarios