Venres. 26.04.2024
El tiempo

Nos oitenta anos (1936 - 2016) dun decembro negro na Costa da Morte

Nos oitenta anos (1936 - 2016) dun decembro negro na Costa da Morte
cronicade-una-represion-en-la-costa-da-morte-luis-lamela

A lembranza da barbarie do asasinato en decembro de 1936 dos sindicalistas de Cee non foi desta volta esquecida, malia a inhibición do goberno municipal de Cee, aínda obsesionado no esquecemento destas persoas de ben que naceran ou traballaban na localidade.

Todos e todas nós coñecemos a súa historia grazas ao impagable labor de Luis Lamela García, quen por volta de 1998 publicou Crónica de una represión en la «Costa da Morte», na desaparecida Edicións do Castro que dirixía o finado Isaac Díaz Pardo. Malfadadamente esta obra imprescindible xa non é doada de adquirir, de quitado dalgún exemplar en librarías de vello, aínda que figure nos catálogos das nosas bibliotecas públicas e municipais. En agosto dese 1998 escribín unha breve recensión que deseguida recupero:

 

«Tivemos que agardar case sesenta anos de silencios para que unha parte importante e ata agora sempre oculta das vilas de Cee e Corcubión vise a luz. As desoladoras consecuencias que provocou no 36 o levantamento fascista contra a república, legalmente constituída pola vontade do pobo democrático.
Por fin, este período, escurecido pola cor vermella do sangue que enchoupou as rúas e os corazóns de moitas familias, é analizado ao detalle, con documentación baseada nos sumarios e nos testemuños orais dos sobrevivintes, así como o pouco que se conserva nos arquivos, nun volume que vén de editar Edicións do Castro no que se recollen as investigacións feitas por Luis Lamela García.

O libro titúlase Crónica de una represión en la «Costa da Morte», e ademais dos casos de Cee e Corcubión tamén se ocupa dos crimes que sucederon en Fisterra, Ponte do Porto, Vimianzo, Zas e outros lugares.

A portada deste ensaio de Luis Lamela, que segue a liña dos seus traballos anteriores, sobre Pepe Miñones, Foucellas ou Alexandre Bóveda, reproduce o texto sobre a execución dos operarios de Cee, Norberto Recamán Lago, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Trasmonte Costa, Jesús Chouza Figueira, Florentino Canosa Barreiro, Manuel García Castiñeiras e Domingo López Domínguez.

A sentenza cumprimuse o 9 de decembro de 1936 na Punta Herminia coruña onde pouco antes tamén fora fusilado Miñones. O oficial do pelotón reamta un a un cun tiro de graza no lateral do cráneo.

As investigacións de Luis Lamela non se deteñen neste episodio, se cadra o máis duro xunto coa violación e asasinato dunha mestra na vila corcubionesa (Mercedes Romero Abella, nada en Cee o 27 de xuño de 1907, que foi fusilada en Aranga o 19 de novembro de 1936 e soterrada nunha foxa común en Vilarraso), senón que nos fornece de datos sobre as actividades sindicais e municipais republicanas, analiza aspectos como a folga xeral ou o asalto á Casa do Concello de Cee, e tamén nos fala dos consellos de guerra, dos fuxidos ao Pindo e da continuación do terror fascista coa implicación de moitos «camisas vellas».

Non podemos neste breve espazo reseñar todos os feitos e peroas que aparecen no traballo de investigación de Luis Lamela que se resumen nunha relación de vítimas da guerra civil no partido xudicial de Corcubión, que o propio autor sinala que é incompleta pese a nomear a máis de cen persoas. Luis Lamela propúxose que nós non esquezamos o acontecido, rompendo ese pacto do «olvido» imposto polos afíns aos represores. Este libro non pode faltar en ningunha das casas da Costa da Morte para que poidamos aprender da lección histórica do noso pasado.

E xa postos, é hora de que o rueiro municipal de Cee elimine os nomes de militares e falanxistas e honre co nome dunha rúa os veciños que foron asasinados. É o menos que podemos facer por eles».

 

Até aquí aquela recensión, que deixaba fóra o feito de que unhas semanas despois, outro consello de guerra sumarísimo decretou o fusilamento doutro ceés, Vicente Mejuto Leis, que se data no 6 de xuño do 1938.

Mercedes Romero Abella recuperada en Nomes e Voces Mercedes Romero Abella recuperada en Nomes e Voces

O proxecto universitario «Nomes e Voces», que nacera da colaboración entre as tres universidades e a Consellaría de Cultura na etapa do denominado bipartito e que nos sucesivos gobernos do PP deixou de recibir axudas económicas que provocaron a súa práctica parálise, recolle unha breve biografía de cada unha das persoas citadas. Velaquí:

- Norberto Recamán Lago: Execución. Home de 22 anos. Empregado/a. Natural de Cee. Veciñanza: Cee. UGT. Fábrica de Carburos Metálicos. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado en A Coruña por rebelión co resultado de sentenza a pena de morte. Executada en A Coruña.

- José Lago Fernández: Execución. Home de 37 anos. Empregado/a. Natural de Corcubión. Veciñanza: Brens, Cee. UGT. Empregado da Fábrica de Carburos Metálicos. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado na Coruña.

- Teófilo Mejuto Leis: Execución. Home de 27 anos. Chofer. Natural de Cee. Veciñanza: Corcubión. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado na Coruña.

- Perfecto Trasmonte Costa: Execución. Home de 26 anos. Empregado/a. Natural de Cee. Veciñanza: Cee. UGT. Empregado da Fábrica de Carburos Metálicos. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado na Coruña.

- Jesús Chouza Figueiras «Gorrión»: Execución. Home de 52 anos. Follalateiro/a. Natural de Carnota. Veciñanza: Cee. Izquierda Republicana. Concelleiro en Cee. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado en A Coruña por rebelión co resultado sentencia pena de morte. Executada en A Coruña.

- Florentino Canosa Barreiro: Execución. Home de 29 anos. Empregado/a. Natural de Cee . Veciñanza: Cee. UGT. Empregado da Fábrica de Carburos Metálicos. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado na Coruña.

- Manuel García Castiñeira «Moledo»: Execución. Home de 30 anos. Mecánico. Natural de Cee. Veciñanza: Cee. UGT. Empregado da Fábrica de Carburos Metálicos. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado na Coruña.

- Domingo López Domínguez: Execución. Home de 29 anos. Empregado/a. Natural de Porto do Son (A Coruña). Veciñanza: Porto do Son. UGT. Empregado da Fábrica de Carburos Metálicos de Cee. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado na Coruña.

- Vicente Mejuto Leis: Morte (outras tipoloxías). Home de 24 anos. Chofer. Natural de Cee. Veciñanza: Cee. Morto o 22 de maio de 1938. Xulgado na Coruña por rebelión co resultado de sentenza a prisión 12 anos e 1 día. Morto na cadea na fuga da prisión de San Cristóbal. Inscrición da defunción en xaneiro de 1947.

- Mercedes Romero Abella: Paseo. Muller de 29 anos. Mestre/a. Natural de Cee. Veciñanza: Plazuela de S. Domingo. A Coruña. UGT. Morta o 19 de novembro de 1936. Morte rexistrada por disparos de arma de fogo. Aparición do cadáver no Pozo da Ponte Castellana en Aranga. O seu marido Francisco Mazariegos tamén foi asasinado.

 

A pedimento de Luis Lamela escribín un soneto na memoria dos asasinados que figura no pórtico do primeiro capítulo do seu libro sobre a represión na Costa da Morte. Velaquí:

1936

Naquel verán soturno, de sol pálido e tordo,
Cee pobouse de anguria, queimadura que medra
e estraga sentimentos que a represión empedra
deitando sangue quente co seu buligar xordo.

Houbo debilidade, soterrando o recordo,
gravado e lacerado no silencio da pedra,
cos corpos do futuro cubertos só por hedra
de onde naceron luces, palabras no balbordo.

Amouse a terra fértil, húmida daquel sangue,
onírico desexo que en nós vive e rebenta
e soñouse insubmisa, memoria turbulenta
da diáspora antiga que o pretérito abrangue.

Viñeron tempo ermos e tempos de decrúa
e o sangue foi semente da liberdade núa.

 
  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Novas relacionadas

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios