Luns. 29.04.2024
El tiempo

Unha nova ameaza para as nosas augas costeiras dende o Corredor Marítimo de Fisterra

  • Xosé Manuel Barros (Mar de Fábula), Sabela Pérez Iglesias (Ecoloxistas en Acción) e Antonio García Allut (Lonxanet) volven asinar un artigo sobre medioambiente.
sentinaso no corredor de Fisterra
Imaxe dun sentinaso no corredor de Fisterra
Unha nova ameaza para as nosas augas costeiras dende o Corredor Marítimo de Fisterra

A IMO (Organización Marítima Internacional), organismo das Nación Unidas responsable da seguridade e protección da navegación e da prevención da contaminación do mar polos buques, co obxectivo de descarbonizar o transporte marítimo, aprobou no 2016 mediante unha enmenda ao Anexo VI do Convenio Marpol,  unha normativa con entrada en vigor o 1º de xaneiro do 2020, obrigando a todos os barcos a utitlizar combustibles cun máximo de 0,5 % de contido en xofre en lugar do 3,5% permitido até ese momento.

O 90% da flota mercante mundial, incluídos os cruceiros, viñan queimando nos seus motores fuel oil pesado, o chamado “ bottom of the barrel fuel”, o combustible máis barato e contaminante constituíndo as súas emisións o 3% dos gases de efecto invernadoiro a nivel global. Se a flota mundial de barcos fora un país, sería o sexto máis contaminante, por diante de Alemania.

Como teñen reaccionado os propietarios dos barcos diante desta nova medida da IMO para protexer o medio mariño e a saúde das persoas ?

Para seguir utilizando o combustible máis barato, os armadores comezaron a instalar de maneira progresiva nos seus barcos os chamados “scrubbers”, filtros lavadores de gases que, nas súas diferentes versións de ciclo aberto, híbrido e pechado, consisten en lavar as emisións ácidas de dióxido de xofre dos escapes con auga do mar mesturada con material alcalino, neutralizando así as emisións aéreas que saen das chemineas dos barcos. Segundo un informe publicado en novembro do 2020 polo Consello Internacional para un Transporte Limpo (ICCT), o uso de fuel oil pesado con scrubbers non ten a mesma eficacia para reducir a contaminación atmosférica que o uso de combustibles de máis calidade pero máis caros como o gasóleo mariño (MGO) ou os fuel oils baixos en xofre.

Os scrubbers de ciclo aberto, instalados no 80% dos barcos por ser os máis baratos (nos cruceiros chegan a constituir o 95%) descargan as augas de lavado directamente no mar, convertendo un problema de contaminación aérea nun problema de contaminación dos océanos.  Os vertidos ao mar dos scrubbers, á maior temperatura e máis ácidos que as augas circundantes, conteñen residuos de metales pesados e hidrocarburos aromáticos policíclicos, que se acumulan no medio mariño e teñen efectos canceríxenos, puidendo causar mutacións na fauna mariña ( Springer Open. Environmental Sciences Europe, 2020 ).

Como vai afectar esta nova ameaza ambiental ás costas de Galicia?

As descargas no mar do lavado dos scrubbers, a medida que se vaian instalando nos máis de 40.000 barcos que navegan cada ano polo Corredor Marítimo de Fisterra vanse unir ás descargas das augas residuais sen tratar das que libremente poden desfacerse os barcos, incluídos os cruceiros, segundo lles permite o texto actual do Convenio Marpol Anexo IV, casuística de enorme gravidade nestes últimos por ser os cruceiros auténticas cidades flotantes que transportan milleiros de turistas a bordo con enormes volumes de comida e bebida á súa disposición. E sabemos pola nosa traumática experiencia histórica que todo vertido que se produce no Corredor Marítmo de Fisterra, máis cedo ou máis tarde chega ás nosas costas, contaminando a riqueza das nosas augas e afectando a saúde das persoas.

Vai sendo hora de que unamos forzas para protexer as nosas costas seguindo exemplos como a KIMO, unha rede internacional de concellos que representa a máis de cinco millóns de cidadáns en varios países do Norte de Europa e que ten por misión prevenir, preservar e protexer as augas costeiras do NE Atlántico e Mar Báltico. Entre os seus obxectivos xa cumpridos consta o importante rol que xogaron aló polo ano 2007 de cara á IMO para conseguir a declaración de zona SECA ( Sulphur Emissions Control Area) fixando o límite de 0,1% de emisións de xofre no Mar Báltico e no Mar do Norte.

Por que non traballar de maneira conxunta os concellos máis sensibilizados da costa atlántica galega e unir forzas, incluso con concellos alén do Miño para facer unha fronte común como a KIMO e reclamar da IMO a declaración de Zona SECA para toda a fachada atlántica de Galicia e Portugal? Asumir un obxectivo destas características implicaría abrir un proceso democrático de información e mobilización do sentido de  responsabilidade cidadá nos dous países de cara á defensa da riqueza das augas que compartimos.

  • Xosé Manuel Barros ( Mar de Fábula)
  • Sabela Pérez Iglesias (Ecoloxistas en Acción)
  • Antonio García Allut (Lonxanet)

 

Máis artigos de Xosé Manuel Barros

 

Comentarios