A CMAT creará o premio Embaixador da Costa da Morte
Tralo cambio de directiva, qjue sitúa ao alcalde de Zas, Lolo Muíño, como novo presidente, a nova Xunta Directiva da CMAT reuniuse por primeira vez para abordar e deseñar a estratexia turística do xeodestino para os próximos meses. A Asociación Turística da Costa da Morte, que coordina o noso Xeodestino coa representación do sector público (concellos) e privado (da man da APTCM), xa ten novas propostas, como a creación do premio Embaixador da Costa da Morte para recoñecer a aposta pola difusión do territorio. O premio recaerá en “aquelas personalidades que contribúan á difusión, promoción e conservación do xeodestino”.
Esa é unha das propostas realizadas no marco da nova estratexia para os próximos seis meses. Tratáronse, entre outras cuestións, o financiamento, as actividades programadas a curto e medio prazo e as novas iniciativas.
A nova Xunta Directiva tamén acordou reforzar a presenza nas feiras do sector, tratou de campañas de promoción como o Blogtrip de Astroturismo da Costa da Morte, que terá lugar a próxima semana, do 9 ao 12 de agosto, ou a celebración do III Encontro de Turismo da Costa da Morte, previsto para o próximo mes de novembro.
Así mesmo, a entidade traballa xa nos proxectos reflectidos no Programa de subvencións dirixidas a entidades xestoras, asociacións, asociacións e consorcios turísticos para a mellor calidade, competitividade e actividades turísticas da provincia da Coruña, da Deputación da Coruña, cuxo final resolución publicouse hai unhas semanas. A CMAT, a través desta liña e en materia de competitividade, impulsou a Xornada de Intercambio de Boas Prácticas en Xestión Turística e Astroturismo, o Curso de Monitores de Astroturismo Starlight e a implantación do Sistema de Calidade Turística de Destino (SICTED).
En clave Starlight, a entidade que xestiona o turismo do xeodestino desenvolverá a creación do Produto Astroturístico en coordinación cos Monitores Astronómicos Starlight da Costa da Morte, cos 17 concellos que integran o destino turístico e coa APTCM.