Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O BNG lamenta que a Xunta esqueza a Costa da Morte nos seus investimentos para o 2018

O BNG lamenta que a Xunta esqueza a Costa da Morte nos seus investimentos para o 2018
escolas-agra-regueiro-baio O edificio das antigas escolas Agra de Regueiro de Baio acollen o centro de saúde da vila cunhas instalacións con moitas carencias O consello da Xunta de Galicia aprobou o pasado 25 de xaneiro un investimento de máis de 55 millóns de euros ao longo desta lexislatura en 18 centros da comunidade e ningún da Costa da Morte. Ante esta situación, o BNG da comarca lamenta a decisión xa que, segundo denuncian os nacionalistas, existen tres puntos que precisan actuacións urxentes: Zas, Cee e Fisterra. No municipio de Zas hai dous centros de saúde; un na propia vila e outro en Baio, ambos con carencias significativas que resaltan os nacionalistas. "Por un lado, o centro de Baio foi colocado no seu momento no edificio actual de maneira provisoria, o que explica perfectamente que hoxe o local non reúna as condicións mínimas que requiren este tipo de infraestruturas sanitarias". Dende o BNG indican que cun plan de ordenación urbana aprobado fai pouco tempo, non é complicado atopar un lugar adecuado para a construción dun novo edificio. Por outra banda, o centro de Zas, aínda que de bastante recente construción, "conta cunhas deficiencias causadas única e exclusivamente pola deixadez de funcións da Xunta no que ten a ver co mantemento, e que se vén aminoradas grazas as actuacións puntuais do concello. Ausencia de auga quente sanitaria, problemas enormes no sistema de calefacción ou problemas no tellado derivados dos temporais, son algunhas das destacables deficiencias do centro", sinalan dende o Bloque. "No caso de Fisterra novamente o PP usa de maneira electoralista a administración da Xunta de Galiza para desgastar a imaxe do goberno local, algo que calquera pode ver, pero que no fondo estáselle privando a veciñanza de Fisterra dos dereitos de asistencia sanitaria pública e gratuíta e en condicións, do que gozan o resto de galegos", sinala o BNG da Costa da Morte. Segundo indican, trátase dunha demanda histórica, e que en varios exercizos e plans pasados sempre se falou, pois a propia Consellería de Sanidade recoñeceu que as instalacións médicas de Fisterra estaban moi obsoletas, e eran claramente insuficientes. "Dende o BNG valoramos que o PP faino de maneira intencionada, xunto cos múltiples e absurdos reparos que están a poñer na aprobación do PXOU que se dilata sen máis. Compre recordar que o concello xa dispón no novo plan de ordenación urbana e nel reserva solo para a construción do centro. Resulta inaceptable que se poñan tódolos atrancos posibles para castigar politicamente a este Concello, e toca dicir basta, pois trátanse de necesidades básicas que se lles priva a Fisterra", indican os portavoces do BNG. Por outra banda, denuncia que o centro de saúde de Cee se atopa nunhas "condicións lamentables", con problemas constantes na calefacción do recinto, manchas de humidade e gretas en todo o interior e exterior, baños con baldosas caídas que non se repoñen e oxidación dos accesorios, ademais das deficiencias nos accesos, cunhas portas obsoletas e imposibles de atravesar para unha persoa de mobilidade reducida se non é con axuda. Neste centro téñense dado casos nos últimos meses de radiadores que se desprenden das paredes co conseguinte perigo para a saúde de maiores e nenos e nenas que acaden a diario a el. "Desde o BNG lamentamos que a Xunta ignore unha vez mais a toda unha comarca e non asuma a súas responsabilidades", indican. Manifestación Precisamente este domingo, terá lugar ás 12 horas na alameda de Santiago, unha manifestación en contra do proxecto de lei de cambio da Lei de Saúde  plataforma SOS Sanidade Pública. Un grupo de representantes desta plataforma visitaron onte o concello de Carballo para solicitar o apoio do goberno municipal á manifestación do domingo, e na cal, segundo explicaron, participarán “as organizacións, grupos e persoas que defendemos a sanidade pública”. O alcalde, Evencio Ferrero, que recibiu aos voceiros da plataforma acompañado por Milagros Lantes e Marcos Trigo, amosou a súa preocupación pola situación da sanidade a nivel galego e tamén en Carballo, onde “segue habendo problemas como a falta de pediatras ou de especialidades e a saturación do centro de saúde”, de xeito que “remamos na mesma dirección”, engadiu. Manel Méndez, Demetrio Vázquez e Juan Evaristo Rodríguez, representantes de tres dos colectivos integrados na plataforma, consideran que coa reforma da lei de saúde de Galicia o goberno autonómico pretende “facilitar que a sanidade se converta nun negocio”, e que o proceso de deterioro do servizo público que se está a producir ten como finalidade “potenciar o privado”. A plataforma SOS Sanidade Pública quere transmitir que non nos atopamos ante un problema dos profesionais da sanidade, senón que é “un problema da cidadanía”, e que o obxectivo das mobilizacións que se están levando a cabo é “ter un servizo de saúde propio e con garantías de universalidade”. Fronte a esta demanda, expoñen que a Xunta non fai política sanitaria, “senón que só fan anuncios para desmobilizar, pero a partir do día 4 non se fará nada”. Novas relacionadas Fonte

Comentarios