O concello da Coruña e a Xunta discrepan no percorrido dos autobuses da Costa da Morte que entren no centro da cidade
14:40 23/01/18
Estación de autobuses de A Coruña
A segunda fase do Plan de Accesibilidade do Trasporte Urbano - e que posibilitará a entrada de autobuses ao centro urbano da Coruña a través dos corredores das avenidas de Arteixo e Fisterra - foi onte o motivo da reunión entre representantes do concello da Coruña e responsables da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas na que, segundo se desprende das súas comunicacións oficiais, houbo importantes discrepancias.
Por unha parte, o departamento da Xunta de Galicia anunciaba que "activará de forma inmediata" (ainda que sen dar unha data) o proceso para a posta en marcha da segunda fase do Plan de entrada dos autobuses interurbanos ao centro da Coruña. Para iso, a consellería dará instrucións á empresa concesionaria das liñas procedentes na maioría do corredor Oeste para a difusión da información aos usuarios antes de poñer en marcha as novas paradas. E o motivo de discrepancia entre a consellería e o concello da Coruña chegou coa proposta de mellora trasladada fai uns meses pola consellería e que foi reixeitada polo goberno municipal coruñés.
"Trátase dunha proposta que optimiza o percorrido e as paradas no centro urbano dos autobuses do corredor Oeste, impulsada pola nova empresa titular das concesións e considerada positiva por parte da Xunta, xa que reduciría o tempo de percorrido para os usuarios e unificaría os puntos de parada", sinalan dende a Consellería de Infraestructuras.
Pola súa banda, o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, avanzou que o concello da Coruña "ten todos os seus deberes feitos, técnica e operativamente, para que o proxecto de penetración aprobado pola Xunta poida levarse a cabo" e sinalou que o prazo de inicio debe fixalo a propia administración autonómica. "Por parte do goberno local, podería ser a semana que vén", indicou.
Representantes do concello da Coruña e responsables da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas, mantiveron onte unha reunión técnica no marco da comisión bilateral de seguimento da implantación do plan que, tal e como destaca Díaz Grandío, "ten entre os seus cometidos vixiar a boa execución da iniciativa", e cuxa convocatoria "foi dilatada por parte da Xunta". "A Comisión de Seguimento é o marco de traballo que permite a ambas as dúas administracións adoptar ou propoñer modificacións que corrixan as posibles eivas que poidan presentar as diferentes fases de implantación do Plan de Accesibilidade do Transporte Interurbano durante a súa posta en marcha", lembrou o responsable municipal, que puxo en valor o papel do ente "na boa execución da primeira fase do plan de acceso", así como a planificación e o traballo desenvolvido tanto pola Policía Local e o persoal da concellería, "para que a penetración urbana non presentara incidentes".
As nove liñas recollidas dentro do proxecto de penetración, e que se traducirán, segundo apunta Díaz Grandío, en 25 expedicións ao día, son as que proceden de municipios como Arteixo, Carballo, Corme, Fisterra, Malpica ou Vimianzo, entre outras localidades. Neste sentido, o concelleiro salienta "as posibilidades que abre para a cidade a entrada das veciñas e veciños da área metropolitana e da Costa da Morte no centro urbano".
Novas relacionadas
- Agosto 2017: A falta de información entorpece o servizo de autobuses da Costa da Morte
- Xuño 2017: Arriva faise coas liñas de Autocares Vázquez na Costa da Morte
- Maio 2017: O PP de Carballo critica ao goberno local por non apoiar o plan de Transporte da Xunta
- Marzo 2017: Os veciños de Camariñas esixen conexións do transporte colectivo con Cee, Coruña e Santiago
- Outubro 2016: Arriva compra Aucasa e volve á Costa da Morte
- Setembro 2016: Os veciños de Camariñas recollen firmas para esixir os servizos de transporte público.
- Febreiro 2016: A Xunta esíxelle a Autos Vázquez que repoña os servizos de transporte suprimidos
- Xaneiro 2016: Bergantiños únese contra a falta de cumprimento dos horarios de autobuses
- Outubro 2015: A Xunta promete un transporte público “a demanda” para o 2016
- Outubro 2015: A Xunta garantiza o restablecemento de todos os servizos de transporte público
- Outubro 2015: QPC unifica os Horarios de Autobuses de toda a Costa da Morte.
- Decembro 2007: Un ano de carencias no transporte da bisbarra.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
- Concello da Coruña
- Consellería de Infraestructuras