Piden informes sobre a siniestralidade da AC-552 entre Cee e Berdoias
O BNG da Costa da Morte, a través do deputado Néstor Rego, vén de presentar varias iniciativas no Congreso para solicitar información sobre o número de accidentes e as súas causas, ocorridos nos últimos 5 anos na estrada AC-552 entre Cee e Berdoias, así como o número de persoas feridas e mortas nos mesmos.
Os nacionalistas sinalaron que desde hai tempo observan que veñen ocorrendo un elevado número de accidentes de circulación, incluso con vítimas mortais, no referido tramo da AC-552, e queren saber as causas dos sinistros. “Hai que ver cantos accidentes se producen por motivo do mal estado da estrada”, destacaron desde o BNG, que subliñaron que seguirán presentando iniciativas sobre a alta sinistralidade en dito tramo.
Desde a organización nacionalista, o seu responsable comarcal Xurxo Rodríguez sinalou que “o número de accidentes é elevado, e isto indica que non sempre é culpa dos condutores; hai zonas onde se ve como cruza a auga a estrada, tramos onde os peraltes non parecen ser acaídos e puntos quilométricos con accidentes reiterados”. Rodríguez é tallante: “se estivera feita a autovía tan prometida, non teriamos tantos accidentes, nin se invadiría o carril contrario nun sinistro; mentres tanto exixiremos na Dirección Xeral de Tráfico saber as causas, e despois que a AXI corrixa os defectos canto antes”.