Mércores. 18.09.2019
El tiempo

A polémica discriminación da Xunta cos Centros de Día volveu ao Parlamento

Reunión da alcaldesa e o teniente alcalde de Camariñas coa Conselleira hai uns meses
Reunión da alcaldesa e o teniente alcalde de Camariñas coa Conselleira hai uns meses
A polémica discriminación da Xunta cos Centros de Día volveu ao Parlamento

Este mércores chegou ata o Parlamento Galego a falta de centros para maiores na Costa da Morte. Facíao a raíz dunha denuncia do PSdG que considera que a Xunta discrimina aos concellos socialistas de Camariñas, Corcubión e Ponteceso por non apoialos a poñer en marcha Centros de Día, mentres si apoia a construción dun Centro no concello popular de Malpica.

Unha situación en todo caso algo tramposa, porque a axuda para o concello malpicán fica no 50% das obras (uns 150.000€) de acondicionamento do edificio da Casa do Oleiro, pois a titularidade e a xestión serán municipais; mentres que os concellos socialistas solicitaban a posta en marcha de sendos centros baixo a xestión da Consellería, que é a competente neste caso.

Por aí foi a argumentación do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, ante a pregunta da deputada socialista Loli Toja. Rodríguez sinalou que “a Consellería de Política Social, a través do Consorcio ofreceu a mesma axuda para o acondicionamento dun espazo) para Corcubión e Camariñas”, pero é certo que Corcubión xa conta cun local acondicionado e equipado para centro de día e, Camariñas, segundo manifestou a súa propia alcaldesa, disporá dunha axuda económica da Deputación da Coruña de 360.000 euros para construír o seu.

Toja lembroulle que a Xunta si que rexeitou financiar conxuntamente coa Deputación a obra en Camariñas.

”Castigo”

Para Loli Toja o goberno galego “castiga” con estas decisións “aos maiores dependentes dos dous concellos a desprazarse cada día 45 quilómetros por estradas comarcais ata Cabana e Muros”. Toja focalizou no caso de Corcubión, onde xa ten un edificio perfectamente acondicionado despois de rehabilitalo e adaptalo cun investimento de 300.000€, en boa parte financiado pola Deputación.

O rexedor corcubionés explicaba que “a axuda ao Concello de Malpica é unha trampa, porque un concello tan pequeno como o noso non pode, porque coa Lei de Estabilidade de Montoro é imposible que un Concello poida contratar todo o persoal necesario para poñer en marcha un Centro de Día”.

En todo caso, a Xunta non parece disposta a abrir novos centros de día de xestión autonómica, e segue invitando aos concellos a abrir centros municipais ou privados, como vai facer Ponteceso cun pioneiro proxecto de Centro de Día e de Investigación Xerontolóxica desenvolto por un profesional de altura na súa terra, en Pazos. Dende Ponteceso esperan o ok da Xunta para a modificación da ficha urbanística para comezar as obras.

Novas relacionadas

Comentarios