Venres. 19.04.2024
El tiempo

A política das redes sociais… que separan pobos

redes sociais na campana electoral da Costa da morte
Exemplos de usos nas redes na comarca
A política das redes sociais… que separan pobos

Moito está cambiando a forma de facer política na Costa da Morte. As redes sociais levan case 3 lustros entre nós, pero vivimos nunha comarca na que adoitamos ir á remolque. Foron moi poucos os grupos políticos, os Concellos, que apostaron dende o comezo polas redes sociais, pero nesta lexislatura houbo, en certos casos, un envorco: para uns poucos as redes sociais son “o todo”. De contado, todo se rexe polos comentarios en FB ou IG, e ata temos visto a algunha alcaldesa da comarca dándolle a recargar aos comentarios do Facebook en plena festa entroideira para ver se alguén máis comentaba sobre o comentado.

Certo que aínda quedan alcaldes como os de Cabana, Coristanco, Carnota ou Fisterra que prefiren manterse alleos ás redes; e certo tamén que hai boas prácticas na comarca na comunicación virtual, como poden ser Camariñas, Carballo ou Vimianzo. Pero a realidade é crúa.

Triste resulta ver algúns plenos retransmitidos polo FB. Nomeadamente os de Ponteceso (ollo cos de Muxía antes de que o grupo de goberno decidiu que xa eran case calificados con ***) tense convertido nunha especie de “Sálvame político”, poñendo un grao máis ao sainete político no que se ten convertido a vida política pontecesán. Triste resulta tamén ver os comentarios nesa mesa rede sociais, con insultos dun bando e doutro, usando perfís falsos, haters e trols, ou ata ata propia muller do alcalde participando no proceso de convertir en “hooliganismo” a política local.

Estes anos, e sobre todo estes últimos meses, estamos vendo usos das redes parte dos nosos representantes que verdadeirademente avergoñan aos seus veciñ@s. Unhas prácticas comunicativas baseadas na tensión, apoiad@s por “aplaudidor@s” profesionais de xentes que entenden a política como o fútbol (co deber de fidelidade ante todo), que acaban provocando que a confrotación prolítica se traslade á veciñanza.
Un uso, ademais do persoal, ten pasado fronteiras éticas, aproveitando en numerosas ocasións as redes sociais municipais como ferramentas de partido.

Curiosamente, temos que focalizar entre tres personaxes, que cremos se teñen zampado ás persoas que había antes de erixirse como alcaldes/as. E dicímolo porque @s coñecimos antes de alzarse no poder, e levando vendo o progresivo declive das súas accións.

O de Ponteceso debe ser un caso de estudio. Despois de publicar gravacións de conversas cos seus propios concelleiros, de dilapidar 3 listas completas en 12 anos, e de convertir o Concello no seu feudo, os seus tiktoks en manga sisa anunciando o ximnasio, inaugurando unha pista en plena época electoral, ou esas cancións adaptadas á realidade local, son dignos dunha persoa que necesita por riba de todo sentirse protagonista.

@loiscarballido #ponteenforma2023 en #Ponteceso ♬ sonido original - loiscarballido

Semellante é o caso muxián, onde o que era un concelleiro de cultura tímido, de perfil baixo e moi respectuoso, convertiuse nun "alcalde contra todos" tras menos dun ano lambendo o poder; asumindo todo o protagonismo, esquecendo aos seus propios compañeiros de partido, e quedando practicamente só á fronte e provocando unha soberana crise interna no grupo socialista. Esa falta de consenso dentro do seu propio partido, inevitablemente trasladouse a un pleno no que o discurso vitimista de “todos contra min”, acusando a todo o mundo e sen un ápice de autocrítica, tense convertido no único argumento posible.

O último esperpento da política municipal muxián, o pleno non celebrado pola non comparecencia de toda a oposición… Así se excusaba…

O caso da aínda alcaldesa de Cee, outros dos exemplos nos que as redes sociais tense convertido no principal e case único vehículo de comunicación coa veciñanza, é diferente. Unha muller que chegaba ao poder calmada, precavida pero confiada. Unha confianza que se foi convertindo en “manía persecutoria” deixando, co paso dos meses, de pasear as rúas a cerrase nas pantallas, facendo do “estasme gravando?” unha frase xa para a historia da política ceense.

A política de comunicación do concello de Cee centrouse unicamente nas redes, menospreciando o papel dos medios de comunicación e intentando un cara a cara coa veciñanza que se contrapón coa súa negativa a participar (nin sequera a contestar) no debate de QPC. É tal o manexo das redes que mesmo responde antes por Facebook que aos escritos do rexistro; que pasa horas controlando os comentarios dos seus teóricos acólitos nas redes sociais da oposición, mesmo bloqueando e ameazando a compañeiros de partido por recibir unha bolsa de propaganda doutro partido a mans dun veciño; bloqueando a empregados municipais que van a mítines do outro lado ou que mesmo rien unha gracia dun teórico opositor político...

Esperpentos

As redes serven tamén para analizar o nivel que temos a nivel electora. Vémonolo cun “picante” e ridículo cartel de VOX Malpica no que ademais do uso machista da imaxe dunha muller (sacada dun cartel dunha marca de lencería sen quitarlle sequera a marcade auga) vai acompañado dun “oxe” que mete medo á vista.

Despois vemos outras prácticas lamentables, neste mes de maio onde boa parte dos alcaldes e alcaldesas da comarca, de todas as cores, aproveitaron as Xuntanzas dos maiores para facer a súa campaña a base de comilonas pagadas cos cartos de todos. Neste caso, focalizamos en tres eventos de fin de campaña: a churrascada (co uso dun camión municipal mediante) do PSOE de Muxía; a cea baile de Carballido e a churrascada á que invita Javier Trillo…

Novas relacionadas

Comentarios