As promesas do #12X (IV): O PSOE pon o foco no esquecemento da Xunta á Costa da Morte

Quedan apenas uns días para as Eleccións Autonómicas deste domingo 12 de xullo de 2020. E queremos que queden moitas das promesas feitas na campaña na hemeroteca para poder pedirlles contas no futuro.
Hoxe, despois de repasar as promisións do BNG e do PP, falamos dun PSdeG- PSOE que espera repetir os resultados das municipais de xuño 2019, e superar ao PP como primeira forza na comarca, pois o grupo popular quedou por diante, por pouco, nas Xerais do pasado mes de novembro.
Un PSdeG- PSOE que conta na lista da circunscrición electoral da Coruña do PSdeG- PSOE con Encarna Liñeiro (Concelleira en Camariñas, aparece no nº12), Jose Louro Pais (concelleiro en Corcubión, nº13) e Caridad González Cerviño (concelleira en Muros, nº14).
A Autovía
A última acción tivo lugar este pasado mércores, cando os representantes de boa parte da comarca se xuntaron en Calo (Vimianzo), para denunciar o esquecemento da Xunta nestes anos. “O mellor exemplo que define o esquecemento da Xunta é a desfeita da Autovía”. Lembraron a historia dunha Autovía comprometida polo gobertno de Touriño. Lembraron as promesas de Feijoo, que se comprometía en 2011 a tela rematada en 2013, e por iso deixaron claro que “os alcaldes nos comprometemos e faremos que esta Autovía sexa unha realidade”, sentenciou Pequeño.
Outras visitas
Foi Pablo Aranguena, vicesecretario xeral do PSdeG e cabeza de lista ás eleccións autonómicas por A Coruña, o que abría despois da visita ao Parador, a campaña en Muros, precisamente para “desmontar as falacias vertidas polo PP contra o goberno” sobre o “Proxecto de Lei de Cambio Climático”.
Aranguena centrouse en temas industriais deixando de lado á pesca artesanal.
Días despois Aranguena pasou por Fisterra, onde fixo promesas claras: O impulso do Centro de Interpretación da Costa da Morte no Faro Fisterra. Ademais de acusar a Portos de ser un “atranco”, e alusión ás críticas do hostaleiros, sinalou que “o peche do faro desde hai cinco anos exemplifica a falta de xestión e de aposta polo patrimonio material e inmaterial de Galicia do PP”.
No Faro Fisterra
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso volveu ao Parador de Muxía para ter unha reunión cos alcaldes, apuntando o emprego e os servizos sociais como “prioridades absolutas” dos investimentos da Deputación na Costa da Morte. Prometeron un Plan reactivación económica e a potenciación dos servizos sociais como principais prioridades que contará con 10 millóns de euros para a provincia, e con 5 millóns para apoiar aos municipios da Costa da Morte, investidos a través do Plan Único.
Visita provincial ao Parador de Muxía
O PSOE en Corcubión
Outra das promesas do PSOE coa comarca foi co centro de día de Corcubión. Xa era unha promesa do goberno de Touriño, e a Deputación xa investiu 400.000 na súa rehabilitación, quedando pendente da Xunta a posta en marcha desas 25 prazas para os maiores.
A visita a Corcubión tamén deixou outra boa promesa no aire: o tamén candidato Martín Seco mostrou o compromiso do PSdeG para retomar o proxecto de porto deportivo da ría de Corcubión,.
Por Camariñas achegouse esta pasada fin de semana o candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, para falar en clave Galicia.
As promesas
- As promesas do #12X (III): O BNG reparte promisións.
- As promesas do #12X (II): O PP confía na súa supremacía na Costa da Morte.
- As promesas electorais (I): Xustiza democrática.
Novas relacionadas
- 19-06-2020: O BNG tamén abriu a campaña dende unha granxa de Mazaricos.
- 17-06-2020: O PP abríu a campaña do #12X visitando á industria agroalimentaria da Laracha.
- 15-06-2020: Gonzalo Caballero abre a campaña costeira do #12X.