Xoves. 06.08.2020
El tiempo
José Luis Louzán
07:31
06/07/20

O que de verdade importa non o dan na tele

O que de verdade importa non o dan na tele

“Existe un culto a ignorancia. A presión do anti-intelectualismo foi abríndose paso a través da nosa vida política e cultural, alimentando a falsa noción de que a democracia significa que a miña ignorancia é tan valida como o teu coñecemento”.
Isaac Asimov.

 

A primeira vez que coqueteei coa morte tiña 5 anos. Aló polo ano 81, a medicina pública era un mito e en Galicia, na de verdade, ver un médico era coma ver un billete de 500. Cando a cousa se complicaba, por unha febre moi alta derivada dunha infección das anxinas, o asunto podía rematar moi mal. Así que a única solución pasaba por unha viaxe peliaguda, de dúas horas ou máis, en dirección a Coruña. E nunha desas idas e vidas comecei a desangrarme. O finado do meu avó, cunhas toallas, sentado comigo no asiento traseiro de aquel Seat 124, trataba de conter o incontible. O sangue manaba coma nunha fonte a cada tos, a cada arcada, e a miña nai, co típico pano branco ondeando pola ventaniña, trataba de dar saída a angustia que ten que representar para uns pais ver coma a vida do teu fillo marcha diante túa sen que podas facer nada máis que tocar a bocina do coche mentres o teu home conduce a toda velocidade. Unha viaxe de máis de dúas horas en pouco menos de hora e media. Unha transfusión despois e moitas semanas de recuperación, safei.

Cando tiña 11 anos, coas defensas máis que baixas, pillei de algunha parte unha hepatite A. Probablemente a mala calidade da auga dunha fonte ou algo similar levou o virus ao meu corpo e me custou máis de 20 kilos e case tres meses de repouso. O tardar en detectarme a enfermidade, a perda de peso e algún que outro problema engadido me levaron a un estado semi-comatoso, no que estiven case sete días. Pero safei, de novo, grazas a que os médicos e “practicantes” da privada eran accesibles. Caros, pero accesibles.

Só un ano despois padecín neumonía. A debilidade xeral do meu corpo facía que fose pasto de canto bicho circulaba polo aire. Esta vez a cousa se puso de novo máis que seria e os meus pulmóns comezaron a colapsar, con febres que de novo superaron os 40 graos. Safei, de novo, porque mala herba nunca morre e porque, agora si, a Sanidade Pública, por fin, comezaba a andar cun centro médico que cando se construiu nos pareceu a todos pouco menos que un hospital (“ambulatorio” lle chamaron algúns naqueles primeiros tempos.... ai, xentiña).

Ainda non existía o SERGAS e, para ser xustos, aquel centro “del INSALUD” que comezou a súa andaina nos baixos da actual Casa do Concello de Cee, nun espazo que hoxe non serve case nin para atender os desempregados que acuden a el por ser agora sede do SEPE e do Servizo Galego de Colocación, era pouco menos que un despacho de urxencias a onde ías a polas receitas ou que che deran puntos. A min valeume, iso si, e desta tamén saín.

Aos 14 anos decidín comprobar cal era a resistencia do meu envoltorio exterior, e volvendo da praia, espallei os meus osos e a miña cabeza contra o asfalto. Perdín o coñecemento brevemente e tamén algo de ouvido no lado dereito, me puxeron en quente 16 puntos por todo o corpo e teño ben vivida a imaxe da punta do oso da miña cadeira asomando entre a camiseta rasgada e o bañador. Logo infectouseme esa ferida, pero a base de inxeccións tamén safei, aínda que a esas alturas xa era un cromo sen demasiada solución.

Anos despois, tras pasar por unha complicada adolescencia sen aparentes danos permanentes, o tabaco e a estupidez humana propia me levaron a padecer unha sorte de Asma Bronquial que me deixaba a un 30% de saturación e que me provocaba colapsos (alo menos en dúas ocasións así foi) con consecuencias graves. Deixei o tabaco, pero a enfermidade a min non, e hoxe en día sigo con Farenxite crónica e outras deficiencias respiratorias.

Ao cadro hai que engadir, xa nos corenta, unha lesión sen solución aparente no ombreiro por rotura dun ligamento, o deshidratamento dos discos lumbares e de dous discos cervicais e unha serie de problemas mentais contra os que loito con mellor ou peor sorte.

A cousa segue, porque este xogo que a morte e un servidor nos levamos segue, con novos actores e novas tramas, ao estilo dunha de esas series tan celebradas na época das plataformas de streaming. Non sabemos cal será o final, pero seguro que estará a altura dunha segunda temporada.

Esta vida de tropezos e remendos, de condena e salvación, sucedeu toda neste recuncho do mundo, no noso mundo, no noso país, mal que a moitos lles custe entendelo. Esta vida pasou e perdura na Costa da Morte, coas peores estradas do estado, en ausencia de vías de comunicación e medios propios dun país moderno e membro da UE. Pasou onde os médicos aos que podemos nomear antes da aparición da sanidade publica eran 2... Don Juan de Toba e Pepe Sánchez. E punto.

Esta vida de azar e trifulca é a miña nun lugar onde un podía ser 3 cousas, a vista do que a FP ofrecía como preparación “baseado en criterios como a demanda de traballadores cualificados na zona” (programa da FP, 1994), a saber; Secretaria/o, Carpinteiro, Soldador-Ferralista ou Electricista. Punto.

E non hai ninguén que teña o rostro de dicirme a min que a cousa podería ser peor, porque non era peor nin na Coruña, nin en Compostela, nin en Vigo, nin en Lalín. Era igual, probablemente, na Fonsagrada, na Mariña ou no medio de Ourense, pero nunca peor.

Por esto e por moitas cousas máis votar o próximo día 12 é unha cuestión pura de supervivencia. Porque non quero, nin de lonxe, que a vida do meu fillo sexa nin sequera similar a miña. En nada. Nin no bo. Quero que medre, que aprenda e que despois viva e madure onde lle pareza, pero que o faga en igualdade de condicións cos demais. E non admito que se ignore esta premisa, nin a dereita nin a esquerda.

O silencio sobre a Costa da Morte, a falta de propostas da esquerda, de toda a esquerda, e tanto máis dura cando sei, a ciencia certa, que as teñen. Saben o que precisamos, pero, simplemente, ofrecelo non vende. Aquí se vota tradicionalmente a PP ou a PSOE así que, para que?

Da dereita non agardo nada máis que miseria e vasalaxe. Máis anos de ignorar que unha corredoira non é unha autopista e o que aquí precisamos a segunda. De ignorar que sen Ferroatlántica hai aínda menos razóns para quedar aquí (inciso. O silencio mesquiño cando o anuncio de ERTE e final da fábrica en Cee de moitos dos que agora protestan polo peche de Alcoa retumba moito nos ouvidos dos que vivimos aquí, na fin do mundo. Moito Toné)

De ignorar que un Pediatra non é un unicornio e que para ter un nun centro de saúde só hai que con-tra-ta-lo. E punto. O resto son historias sobre como a Pediatra do centro de Saíde de Cee acabou en Verín por obra e gracia da peor xestión sanitaria na historia democrática de Galicia.

Esta é a realidade formal a pé de rúa. Este é o día a día lonxe da Sexta, da TVG e das rúas e prazas das capitais. No mundo de Oz no que eu vivo non vai servir con chascar tres veces os zapatos vermellos de Dorothy no camiño de valdosas amarelas e dicir “Galicia, Galicia, Galicia”.

No mundo real cando erras morres ou estas a piques de facelo e si esa morte é inminente non che fai nin puñetera gracia que Feijoo diga que “levamos décadas de abandono do rural en Galicia” cando el leva máis dunha década desgobernando o país. En 2009 a Débeda Pública en Galicia non chegaba aos 5.000 millóns. Hoxe, supera os 9.300. Este é o “gran xestor” da economía.

A poboación en Galicia non só non medrou neste tempo senón que polo camiño perdeu case 100.000 veciños. Na Costa da Morte este dato é directamente dramático.

En menos dunha década, no tempo que vai entre 2011 e hoxe, a Costa da Morte, sen Carballo, perdeu case 11.000 cidadans. En menos dunha década perdemos o equivalente a Santa Comba e Corcubión xuntos.

Seguir igual nunca é unha boa forma de agardar que algo cambie. é por algunha razón os que sabemos todo isto, que nin somos mellores nin peores que o resto, abdicamos da nosa obriga de facer que aqueles que pensan que a súa ignorancia vale tanto coma o noso coñecemento gañen sempre nas furnas. Non, xa basta. O próximo día 12 esto debe mudar, porque se non o fai... non quedará ninguén para decirlle aos que queden que estaban avisados.

Se todo segue igual, por favor, o último que apague a luz.

 

OUTROS ARTIGOS DE JOSé LUíS LOUZáN

DE QUE ESTAMOS FALANDO...

INFORMES SOCIOECONóMICOS DE JOSé LUíS LOUZáN

comentarios