Venres. 29.03.2024
El tiempo

A receita contra o Coronavirus: coherencia e responsabilidade

Medidas prevencion coronavirus en galego
A receita contra o Coronavirus: coherencia e responsabilidade

A revolución que está a causar o Coronavirus é algo nunca visto. Fai pouco máis dun mes o virus encontrábase localizado practicamente tan só en China e sobre todo na cidade de Wuhan. Hoxe podemos ver como a expansión do virus chegou ata tal punto no que xa se considera como pandemia. Ante isto, os dirixentes de varios países están tomando as precaucións pertinentes.

En España, como xa vimos, o Goberno Central anunciou xa certas medidas para intentar conter a expansión do virus como a prohibición dos voos dende Italia e a suspensión das viaxes do Imserso, entre outras. En Galicia, A Xunta tamén ven de anunciar o peche oficial de todos os centros educativos e en todas as etapas educativas a partir do vindeiro luns durante dúas semanas, coa opción e recomendación de que os alumnos non asistan xa ás clases dende mañá. Tamén se pecharon todos os centros comunitarios, limitouse a concentración en espazos pechados a 50 persoas e reduciuse a un terzo o aforo noutros espazos. Mais non só os altos cargos están a tomar medidas, senón tamén a nivel local, son moitos os concellos que se están a sumar ás medidas de prevención.

Unhas medidas que se tomaron co fin único e exclusivo de gañarlle terreo ao virus e intentar retrasar ao máximo o número de contaxios, o que permitirá que o noso sistema de saúde poida funcionar da mellor maneira. O epidemólogo e portavoz da Organización Médica Colexial, Juan Martínez, explicou moi ben a importancia de acatar estas medidas a tempo nunha entrevista que lle fixeron en La Sexta esta semana:

Tal e como explica Martínez, a pesar de que a maioría dos casos son leves (segundo datos da OMS, ao redor do 80% da poboación recupérase da enfermidade sen necesidade de realizar ningún tratamento especial, cerca do 17% termina resultando grave e tan só en torno ao 2% das persoas contaxiadas morreu), “que sucede se millóns de persoas enferman á vez? Que saturamos os servizo sanitarios e non podemos darlles atención. Entón a epidemia caracterízase por iso, non pola gravidade individual de cada caso, que adoita ser moi leve, senón porque se producen moitos casos á vez, e os que de verdade precisan atención non poden recibila”, afirma o epidemólogo.

Este tamén emite unhas recomendacións, sobre todo para a poboación maior: “Quédense nas súas casas, paseen polo parque, eviten o contacto con multitudes, eviten entrar en lugares de ocio... Porque se o facemos todo ben, facémolo dunha maneira sistemática, tomando máis medidas adicionais, en aproximadamente 12 semanas teremos controlado o problema. Isto é o mesmo que pasou en Wuhan e é o mesmo que pasou en Corea. Nós farémolo ben se imitamos aos que xa o están a facer ben”, indica Martínez.

Aínda así, a pesar de que o nivel de gravidade na meirande parte da poboación sexa moi baixo, cómpre ser coherentes e tomar conciencia social ante esta situación. As medidas que se están a tomar non supoñen unhas vacacións nin moito menos e, precisamente, se están a pechar os centros educativos e a intentar reducir ao máximo as aglomeracións sociais, non é para a xente pola súa conta cree reunións alternativas nos bares ou nos centros comerciais.

Non existe unha receita especial que maxicamente nos cure a todos do COVID-19, pero precisamente está nas nosas mans facer que isto non vaia a máis seguindo as recomendacións dos expertos con un pouco de sentido común.​

Medidas de prevención

Agora mesmo en Galicia hai un total de 63 casos de infección por Coronavirus e 28 están pendentes de confirmación final. De momento na Costa da Morte non hai ningún caso confirmado. Se non queremos que estes datos aumenten de maneira desproporcionada e que afecte ao menos número posible de grupos de risco, abonda con seguir unha serie de pautas, sobre todo durante as seguintes semanas:

  • Quedar na casa na medida do posible, en caso de saír, pasear en lugares abertos intentando gardar unha distancia de cando menos un metro co resto de persoas.
  • En relación co punto anterior, evitar lugares de concentración social como bares, cines, restaurantes, discotecas...
  • Evitar acudir tamén a hospitais e centros de saúde.
  • Non facer viaxes innecesarias ás zonas de risco ou dende as zonas de risco se se pode evitar.
  • Lavar as mans con frecuencia. No seguinte vídeo do Sergas, explícase como debería ser unha correcta limpeza.

 

 

  • Adoptar medidas de hixiene respiratoria: Ao tusir ou esbirrar, cubrirse a boca e o nariz co cóbado ou un pano. En caso de facelo cun pano, tirar con el inmediatamente e lavar as mans posteriormente.
  • Evitar tocarse os ollos, nariz e boca, xa que as mans están en contacto con moitas superficies que poden estar contaminadas co virus.

Estas medidas non significan a fin do mundo, nin moitísimo menos. Como ben dixemos antes, isto estase a facer para intentar paliar na medida do posible a expansión do virus. Por iso, non é necesario ir aos supermercados e rematar coas existencias do papel hixiénico nin comprar reservas de comida para meses. Non hai ningunha evidencia de que vaiamos a quedar desabastecidos, polo que, ante todo, calma.

Tamén circulan outros bulos como que as bebidas quentes, aguantar a respiración ou beber cada 15 minutos matan o virus. Ante calquer dúbida, é importante facer caso dos expertos e consultar a información a través de fontes fiables como o Ministerio de Sanidade ou o Sergas.

En caso de ter síntomas

Os síntomas máis comúns que causa o COVID-19 son febre, cansazo e tose seca segundo informa a OMS. Uns síntomas que poden ter moitas similitudes coa gripe común e que pode chegar a facelo indistinguibles. É por iso que, en caso de desenvolver algunha destas doenzas, intentar estar atento a outros indicios que poidan esclarecer o asunto, sobre todo se houbo risco de estar en contacto con alguén que puidese vir dalgunha zona de risco ou que resultase infectado.

cadro sintomas coronavirus refriado e gripe

En caso de notar algún destes síntomas, baixo ningún concepto se debe ir a un hospital ou centro médico. O Sergas recomenda quedarse en casa e chamar ao teléfono gratuíto 900 400 116, para os casos de síntomas leves. Este dará toda a información posible e, en caso de indicio, farán chegar ao seu domicilio un equipo que lle fará a proba dende alí. Só contactar co 061 en caso de emerxencias ou situacións de gravidade. Nas nosas mans está facer un bo uso dos recursos.

Comentarios