Venres. 29.03.2024
El tiempo

Rosa Rodríguez: "Necesitamos que nos recoñezan tanto as enfermidades laborais coma o coeficiente redutor"

Rosa Rodríguez: "Necesitamos que nos recoñezan tanto as enfermidades laborais coma o coeficiente redutor"
Rosa Rodriguez Redeira de Corme A redeira Rosa recibindo á directora do ISSGA no local da Illa da Estrela de Corme Forman parte do patrimonio cultural da Galicia mariñeira e son o eslabón principal da actividade pesqueira galega. Pero as redeiras saben que se non se produce un relevo xeracional inmediato, este centenario oficio de reparar as redes e aparellos de pesca de forma artesanal pasará a engrosar a historia das tradicións que sucumbiron ante a modernidade do século XXI. Aínda así, hai redeiras optimistas. Unha delas é Rosa Rodríguez Vidal (Malpica, 1964) quen, a pesares de nacer en Malpica, traballa como redeira en Corme (Ponteceso) desde que casou. "Tiven a sorte de casar para unha casa mariñeira na que tamén había barco, así que seguín cosendo redes".  Di que o futuro das redeiras está agora na diversificación. Falamos con ela. Rosa Rodriguez. Redeira Corme Rosa Rodriguez no seu lugar de traballo
  • QPC: Desde cando es redeira?
Pois desde os 13 anos anos! Naquel momento era un complemento familiar. Saías da escola, e como tiñas o oficio na casa aprendías a encher unha agulla ou a facer unha pequenas mallas. E foi así. Ou tiñas que coser ou aprendías a atar. Coa axuda de meus pais e meus irmáns fun aprendendo.
  • QPC: Que é o que fai exactamente unha redeira?
Unha redeira monta e repara os aparellos de pesca. Antigamente atabas todo, agora só armamos. É diferente, porque agora só nos traen os cabos e panos e nós poñémoslle as casas para logo entrallar.
  • QPC: Cal é a túa xornada laboral?
Pois como traballamos artes menores segundo ao armados lle faga falta. Hai veces que traballamos oito horas e outras que chegamos ás dez ou doce ao día.
  • QPC: En que época do ano tedes máis carga de traballo?
Adoita ser no Nadal, cando regresan a maioría dos barcos ao porto. Tamén temos carga de traballo a mediados do verán, entre xullo e agosto,  porque digamos que veñen de seis en seis meses. E para os barcos de aquí segundo rompan, poida que nunha semana teñas moito traballo e outras ningún.
  • QPC: A día de hoxe, as redeiras cotizades como traballadoras autónomas á Seguridade Social, algo que hai anos era impensable, non?
Si, antes non se pagaba nada. Nin sequera estaba recoñecido como un oficio, xa que era un complemento familiar que entraba nas casas. Agora, xa hai uns anos que fixemos a cualificación, e desde aí asegurámonos. É unha vantaxe moi grande porque polo menos temos un dereito, a pesares de todos os gastos que temos. Ademais, é difícil manter un prezo estable.
  • QPC: Cres que a remuneración é menor ca que reciben os outros sectores dedicados á conservación de aparellos?
Si, porque o noso traballo aínda hai pouco que foi recoñecido. Digamos que somos o sector que máis baixo estamos en todo. Agora pertencemos á Federación de Redeiras e tamén á Asociación Nacional de Mulleres no Mar para ver se podemos conseguir máis dereitos. Así, necesitamos que se nos recoñeza tanto as enfermidades laborais como o coeficiente redutor. Agora mesmo temos entre nós moitas persoas maiores que non poden co peso que ten un aparello, por exemplo.
  • QPC: Referente ás condición laborais, o traballo de redeira implica estar sempre a pé de porto. Cal é a doenza máis habitual entre o voso gremio?
O síndrome do túnel carpiano, que este ano por fin o recoñeceron. E logo padecemos todas as enfermidades relacionadas coas cervicais. Temos que estar sentadas todo o tempo ou mesmo cargar con pesos moi pesados.
  • QPC: A xente máis nova interésase polo oficio ou vedes que non vai haber relevo xeracional?
Si que lle interesa pero cando lles dis o que vas cobrar dan un pouco para atrás. Date conta que se van por aí a traballar na limpeza páganlle a hora a dez euros, e empezar cun aparello...poida que non o saques eses cartos nese tempo, porque ao principio é necesario coller a práctica. Tamén é certo que coa crise económica que houbo e sigue habendo todo o mundo quería dedicarse a isto, pero os que empezan fano ao negro.
  • QPC: Fálase tamén da posibilidade de robotizar o proceso no que traballades.  Cres que isto pode chegar a algo ou que como o manual non hai outro?
Está claro que como o manual non hai outro. De feito non fomos ver máquinas que se podían usar para iso pero non hai comparación.
  • QPC: E no teu caso persoal, despois de tantos anos, houbo algunha vez que pensaras deixar o oficio?
Si, no 2012 tivemos un baixón tan grande que non vía saída por ningunha parte. De feito, xa tomaramos a decisión de deixalo. Pero falando coas consellerías  decidimos diversificar a nosa profesión entre varias asociacións. Así, propuxémonos aproveitar os materias que antes tirabamos para facer complementos de moda.  A verdade é que esta experiencia foi moi boa e tivo moita acollida. Desde aí, digamos que notamos máis traballo. Non sabemos se é porque tamén protestamos e cada vez hai máis inspeccións, pero o certo é que notamos ese incremento.
  • QPC: Hai esperanza, entón?
Si, moita. A min gústame moito o meu traballo e espero poder xubilarme nel. As redeiras da Illa da Estrela son Artesania de Galicia As redeiras da Illa da Estrela son Artesania de Galicia   Rosa Rodriguez redeira e artesa de Corme Rosa Rodriguez, ademais de redeira e artesá e leva os seus produtos feitos con redes ás feiras no paraugas Artesanía de Galicia

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/as-nosas-avoas-foron-as-que-nos-abriron-o-camino/ https://quepasanacosta.gal/as-redeiras-do-peirao-caen-na-rede-do-youtube-para-buscar-o-necesario-relevo-xeracional/

Comentarios