Sae á rúa a guía da Ruta Costa da Morte
Unha nova guía turística sobre os 250 quilómetros de litoral entre Malpica e Muros xa está nas librerías da península. A guía da "Ruta Costa da Morte", tras moitas idas, vidas, rumores e desconfianzas, xa conta con 5.000 exemplares, distribuidos por toda Europa. I é que o proxecto xerou moita polémica entre os establecimentos da zona, que viron como, tras recibir a visita comercial do propio autor, non recibiron novas dende aquel 2009.
Pero finalmente a guía está publicada. 144 páxinas de información sobre os 250 km da ruta litoral entre Malpica e Muros, con centos de puntos de interese e ata 103 establecimentos entre bares, restaurantes, hoteis e casas rurais. O prólogo está escrito por un bo amigo seu e gran coñecedor do Camiño e da Costa da Morte, Antón Pombo, que se laia de non ter podido incluir o seu novo albergue corcubionés na guía.
O propio Luís Rubio pide desculpas polo retraso, que xustifica por uns problemas coa primeira editorial e cun claro "este proxecto non era para que acabara, sen o seu ISBN, como pata da mesa dunha asociación supracomarcal acumulando polvo". "O traballo de campo, a preparación de contidos, a edición e, sobre todo, a distribución son traballos que se teñen que facer con sentido, e que levan o seu tempo. De que vale que unha guía quede en Mazaricos?".
O que tampouco entende Rubio é que dende o sector hostaleiro se desconfíe de tal maneira, demostrando, unha vez máis, a pouca unidade do sector. I é que a semana pasada tivo varios encontronazos con varios empresarios que, incrédulos e desconfiados, non quixeron nin ver a guía. Unha reacción comprensible por mor do retraso, pero se ao final, a guía está editada, as críticas deberían rebaixarse. O que xa non debería darse son as "amenazas como se estivesemos nunha película de Fellini"...
A distribución, o máis importante
Rubio ten claro que o traballo máis importante á hora de comercializar unha guía, é distribuila por cidades onde poida haber clientes potenciais. Xa ten enviado 1.000 exemplares a Valencia, 500 a unha oficina de turismo Viena e outros tantos a unha madrileña. Está en conversas para "colocala" en varias axencias de Bilbao e Valencia, ademais de que esta semana chegará ás librerías máis importantes de Santiago de Compostela, como Encontros, Follas Novas...
Non vai parar aí, en breve falará coa APTCM, se ben xa explicaremos con máis detalle a súa experiencia coa Asociación Neria, que comezou apoiando este proxecto, e que ingresou máis de 23.000€, que iso si, son froito da laboura comercial do propio Rubio establecimento a establecimento. Rubio, que quere destacar que se trata dun proxecto "autofinanciado", segue, tamén buscando novas oficinas de viaxes por toda Galicia, como Vigo. Apunta ademais que a Asociación Neria, que pode estar desenvolvendo outra guía co mesmo nome, "non puxo nin un duro, só un rapaz que me acompañou na ruta, e unha pensión (a da cuñada de Xan García) en Vimianzo para pernoctar".
Precisamente conta que xa sabe de varios grupos que utilizaron a súa guía e que comeron e gastaron nos establecimentos da mesma. "Hai unha Asociación de sendeiristas de Vigo que está en plena ruta polo litoral galego, de fin de semana en fin de semana, e esta fin de semana que vén atravesarán a Costa da Morte coa miña guía. Sei tamén de varios grupos familiares que xa teñen gastado máis de 1.000€ nunha boa mariscada nun restaurante de Malpica só porque estaba na guía".
Sinalización
Preguntámoslle tamén polas frechas azuis, que dalgún xeito levan 2 anos por todas partes sen moito sentido. Rubio asegura que a finais de outubro comezarán a colocar a nova sinalización, que consistirá nuns paos de madeira cunha frecha. Xa están, digamos, na carpintería.
Tamén quere volver pasar polos locais, máis adiante, para quitar a pegatina co "percebe" que colocou a Neria, para traer unha placa que os distinga como entidade colaboradora a Ruta Costa da Morte.
A rede?
O seguinte paso sería levalo á rede, con toda a repercusión mundial que tería. Pero para iso, as administracións e entidades responsables do turismo da bisbarra debería apostar polas novas tecnoloxías, e que non quedase no caixón das promesas incumplidas como o proxecto "Rede de Contenidos Costa da Morte Móbil 2.0", do que falaremos a semana que vén.
Novas relacionadas
- Un repaso ao proxecto Ruta Costa da Morte: As frechas que nos levan polos confíns da Costa da Morte.
- A onde van as frechas azuis? .
Máis novas
- Entrevista con Manuel Gago: “O litoral da Costa ten propiedades hipnóticas”.
- Unha Goleta bretona na augas do noso Finisterre.
Outras viaxes pola Costa
- Un paseo pola virxinidade do noso litoral.
- Sentindo o Camiño.
- Unha ruta “galitaniana” por todo o litoral da Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).