Manuel Montero, da Farmacia de Zas: "Antes podía conseguir guantes por 5€, agora pídenme 20 pola mesma caixa"
Continuamos en QPC coas conversas con eses sectores que non poden elixir quedar na casa e deben saír día a día a pé de rúa. Xa falamos con enfermeiras, persoal dunha gasolinera, ultramarinos... Desta volta tivemos unha charla con Manuel Montero, xerente da Farmacia de Zas, quen nos comenta como están realizando o servizo aos clientes durante a corentena, cales están a ser os produtos máis demandaos e algúns dos problemas que se lles presentaron, entre outros temas.
- QPC: Que protocolo estades levando para atender aos vosos clientes?
Organizamos un sistema de maneira que estean separados o máximo posible. Colocamos unha mampara de cristal xa antes de que incluso se obrigase.
O que facemos é que na farmacia non pode haber máis dun máximo de xente concreta. A xente espera fóra a que se poida pasar e mentres están fóra gardan unha distancia para non estar pegados. A medida que sae unha persoa, vai entrando outra, e dentro da farmacia tamén están separados. Podemos atender a tres persoas á vez e despois o que facemos é limpar continuamente tanto os mostradores como a mampara. Nós mesmos estamos todos con mascarillas, con guantes e lavándonos continuamente.
- QPC: Como está sendo a afluencia de xente? Notades a mesma ou hai algo máis que do habitual?
Hai máis xente do normal. Eu intúo que é xente que estaba na cidade e que volveu de volta ao pobo cos pais, entón hai un pouquiño máis de xente que do normal. Non é que sexa unha esaxeración, pero un pouquiño máis de xente si que se nota e tamén, como imos máis lentos porque temos que tomar moitas máis precaucións, pois tamén se acumulan máis. Pero bueno, aínda habendo máis xente, ningún se pega ao outro, manteñen a distancia de seguridade. A cola a veces é longa na rúa.
- QPC: Vese á xente concienciada coas medidas de prevención?
Sí, a inmensa maioría de xente ven con mascarilla, con guantes, todos cumplen as normas, normalmente gardan a distancia de seguridade co mostrador, gárdana entre eles.... Non fai falla que salgamos nós á rúa a decirlles que manteñan unha distancia, é a mesma xente a que o fai. Non sei se é que o aprenderon eles véndoo na televisión ou se lles naceu de forma innata, pero xa eles mesmos se organizan fóra para separarse, para mentres esperan, gardar unha distancia de seguridade. Eu vexo á xente concienciada e vexo que van facendo as cousas ben. Dende logo, o que pasou aquí é que non estamos nada acostumados en España a estas medidas entón ao principio pois, o típico, a xente non sabe poñerse a mascarilla... Pero cando alguén ven coa mascarilla mal posta, nós xa lles dicimos 'Ei, que hai que poñela enriba do nariz, ou ei, que a a tes do revés, isto ten que ir para arriba ou para abaixo, ou hai que facer así...' E pouco a pouco xa se vai extendendo como se fai e a xente xa o vai facendo ben. A resposta está sendo bastante boa.
- QPC: Incluso vendo que a xente estase a tomar en serio estas medidas, hai algunha cousa na que vos gustaría facer fincapé?
Eu insistiría en que hai que concienciarse de que hai que saír o menos posible. É dicir, a farmacia é un deses bens esenciais e comprendo que haxa que acudir, pero aínda así, hai que procurar vir o menos posible.
- QPC: Como ben comentas, vós pertencedes a eses sectores esenciais que tedes que seguir de cara ao público. A pesares de todas as medidas que estades tomando, tedes medo ao contaxio?
Claro, aquí tensión hai porque, por exemplo, non recordo agora mesmo o número exacto, pero máis ou menos o número de farmacéuticos falecidos era superior ao resto de sanitarios xuntos. Entón, non queremos contaxiarnos nin contaxiar á xente. É dicir, estamos facendo todo o que podemos para que a xente non se contaxie. Ademais, non é porque nós os vaiamos a contaxiar, é porque se ven unha persoa contaxiada e anda tocando obxectos e despois ven outra persoa, toca eses obxectos e leva a man á cara para colocarse a mascarilla, vaise contaxiar. Entón aí nós, nese aspecto, non podemos facer nada, pero claro que nos preocupa que pasen esas cousas.
Eu o que lle recomendo á xente é que actúen coma se todo estivese contaminado, que vaian a onde vaian, se se sae da casa, asuman que todo está contaminado. De maneira que, o que teñen que facer é tocar o menos posible, lavarse as mans con frecuencia e ao chegar a casa, desbotar a roupa, poñer as cousas que non sexan urxentes en cuarentena e todas as medidas que se recomendan.
- QPC: Hai algún produto que se estea demandando máis nestes momentos?
Mascarillas e guantes. Ao principio eran os xeles hidroalcohólicos, pero agora o suministro xa é normal e a xente xa me parece que está abastecida. O que agora fan falla son mascarillas e guantes. O problema de abastecemento é xeral dende hai semanas. Iso levouse moi mal dende todos os ámbitos e entón non hai maneira de conseguir as cousas e despois tamén hai moito aproveitado. A xente pídenos guantes e nós temos guantes para servir á xente, pero os prezos multiplicáronse. Antes podía conseguir guantes, non sei, ponlle por cinco euros unha caixa, pero e que a min agora o provedor pídeme vinte pola mesma caixa. Entón, claro, métenme a min nun problema. E como digo guantes, tamén digo mascarillas e todo en xeral.
- QPC: Houbo tamén unha maior demanda dalgún medicamento en concreto? En vista dese rumor que houbera sobre que o ibuprofeno era prexudicial en caso de ter coronavirus...
Si, efectivamente, aí hai varios temas. O que pasou ao principio foi que díxose que o ibuprofeno agravaba os sintomas da xente que tivese o coronavirus, entón o que fixo a xente que tomaba ibuprofeno foi cambiarse ao paracetamol. O reclamo de paracetamol aumentou moito pero non porque todo o mundo se lanzara a comprar paracetamol, senón porque moita xente combiouse ao paracetamol. E, a maiores, houbo xente que ao mellor collía paracetamol unha vez cada tres meses e con isto dixeron, 'imos coller agora máis non vaia ser que despois non haxa'. Entón, todo o mundo púxose a comprar paracetamol ao mesmo tempo e romperon a cadea de subministro, porque non daban a basto os fabricantes. Nestes momentos xa non hai problema, pero ao principio, as primeiras semanas si que houbo problemas co paracetamol.
- QPC: Como ves que pode avanzar a situación vendo como se leva desenvolvendo durante este último mes?
Evidentemente non podemos saber o futuro. Isto é moi ambiguo, é un virus novo, hai moitas cousas que descoñecemos... Nós cremos que isto vai ir un pouco para tempo, polo menos ata que non haxa unha vacina. No momento no que haxa unha vacina e a maior parte da poboación estea vacinada, entón aí si que podemos dicir que volveremos á normalidade completa como estabamos antes. Pero mentres, todo vai ser un pouco extraño ata que chegue ese momento.