Venres. 26.04.2024
El tiempo

Unha empresa holandesa recorre de novo á BDT en Carballo para contratar fontaneiros

Unha empresa holandesa recorre de novo á BDT en Carballo para contratar fontaneiros
Por segunda vez no que vai de ano, unha empresa holandesa recorreu á Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo coa intención de contratar a profesionais da fontanería para traballar naquel país, onde o sector da construción se atopa nun bo momento e precisa de man de obra cualificada, sobre todo, en instalación de calefacción. Imaxe do proceso de selección de fontaneiros no Forum Carballo A convocatoria realizada no pasado mes de marzo tivo moito eco e Carballo foi o lugar escollido pola empresa para realizar o proceso de selección para case toda España. Dos 20 candidatos entrevistados foron contratados 8, que a día de hoxe seguen a traballar en Holanda, malia que os contratos iniciais eran por catro meses. A Bolsa de Traballo volve a ser o punto de referencia para os profesionais de todo o país que están interesados nesta oferta laboral. Os e as fontaneiros e fontanieras da zona poderán inscribirse a través no teléfono 981709011, onde tamén se ofrece todo tipo de información, ou ben de maneira presencial no segundo andar do edificio administrativo do Fórum Carballo. As persoas doutros puntos do territorio nacional poderán enviar os seus currículums a [email protected]. Como no caso anterior, o labor da Bolsa de Traballo será o de intermediación, buscando os perfís que mellor se adapten á oferta. Ao igual que no proceso anterior, a empresa require fontaneiros de primeira e de segunda, que deben xustificar tres anos de experiencia como mínimo e que, preferentemente, deben falar un nivel básico de inglés. Inicialmente, os contratos serán de catro meses de duración. A empresa corre con tódolos gastos, tanto de desprazamento coma de aloxamento. Antes de empezar a traballar os profesionais deben realizar un curso de prevención de riscos específico (non están homologados os que se imparten en España) e asígnaselles un número de identificación fiscal para que poidan asinar o contrato. A xornada laboral é de 7 a 15 horas, e os fontaneiros traballan en grupos de dous. Dada a urxencia na contratación, as persoas interesadas poderán anotarse durante o que queda de decembro e tamén no mes de xaneiro, xa que a finais do vindeiro mes está previsto realizar o proceso de selección. No caso de que, como a vez anterior, exista un número importante de candidatos, a empresa volverá a realizar as entrevistas no Fórum Carballo.

Comentarios