Xoves. 30.05.2024
El tiempo

Alcaldes do PP critican a falta de financiamento para que os concellos poidan aplicar a Lei de Benestar Animal

  • Esixen máis financiamento para as novas obrigacións que deben asumir
REUNIÓN RAZO PP Costa da Morte
Alcaldes do PP critican a falta de financiamento para que os concellos poidan aplicar a Lei de Benestar Animal

Alcaldes e voceiros do Partido Popular na comarca da Costa da Morte reuníronse esta fin de semana en Razo, Carballo. Na orde do día, centraron o foco en criticar que o Goberno Central xestione “a costas dos concellos” e esixiron máis financiamento para poder asumir as novas obrigacións impostas polas leis aprobadas polo executivo central.

Nas reunións mantidas co presidente provincial, Diego Calvo, e co secretario xeral, Evaristo Ben, os rexedores puxeron sobre a mesa a falta de diñeiro e de recursos que sofren para implantar a lei de Benestar Animal impulsada polo Ministerio de Ione Belarra.
O servizo de urxencias veterinarias 24 horas, a xestión das colonias felinas, as instalacións e o persoal cualificado para coidar de calquera tipo de animal abandonado, supoñen moitos gastos para consistorios que, na maioría dos casos, nin sequera poden destinar eses recursos para os propios veciños.

“A situación é insostible por moito máis tempo. Os concellos non poden asumir os caprichos e as ocorrencias do Goberno Central que obriga, pero que non dá medios, nin diñeiro para cumprir con esas obrigacións”, denunciou Calvo.

Os alcaldes criticaron tamén a obrigatoriedade de ter un censo de edificios con amianto e presentar un plan para eliminalo, como establece a Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados para unha economía circular.
“É un exemplo máis da falta de respecto e de pouca consideración que o Goberno ten cara aos concellos, aos que non para de cargar con deberes e obrigas que supoñen gastos, pero aos que non dota de máis fondos para asumilos”, apuntan os populares.

Critican ademais que o PSdeG esixa á Xunta que asuma o 100% do financiamento do Servizo de Atención non Fogar. “Hai que ter moi pouca vergoña, pero así logo pasa o que pasa nas eleccións. Miran para outro lado cando o seu partido maltrata aos concellos, pero logo esixen máis compromiso ao Goberno Autonómico cun servizo no que achega o que lle corresponde, mentres o Estado non o fai”, criticou Calvo, que lamenta que a FEGAMP non ampare aos concellos.

Comentarios