Venres de libros Baio, Santa Comba e Cee
Presentacións interesantes as que se viviron esta fin de semana na Costa da Morte co gallo do Día do Libro. O Monte Pindo invadiu Baio; houbo naufraxios ata en Santa Comba; e a nación galega instaurouse en Cee hai moitos séculos.
Monte Pindo no IES de Baio
No marco do IV Mes do Libro o IES Maximino Romero de Lema recibía este pasado venres 22 de abril a Laura Suárez que compartiu o proceso da escrita do seu libro “Monte Pindo, Historias e Lendas do Olimpo Celta” co alumnado de 1º da ESO. Un libro que nos mergulla de xeito ameno e divulgativo na historia, nas lendas e noutros feitos que converten en máxico este enclave do patrimonio natural da Costa da Morte como é o Monte Pindo.
Trala presentación da alumna Lola Cumprido e de preguntarlle ao público expectante se coñecían o Monte Pindo, a autora introduciu á rapazada nas lendas que atesoura este libro. Contou o proceso de documentación, con gran axuda de Pepe do Fieiro e Xilberto Caamaño, especialistas na zona, e como despois empezou a realizar debuxos que posteriormente acompañou de pequenas frases. Meigallos con animais, a fertilidade, os refuxiados da Guerra Civil, rituais para doentes que aínda hoxe se seguen practicando son algún dos temas que se reflicten neste libro.
O encontro con Laura Suárez cumpriu pedagoxicamente con este obxectivo fundamental do que debe ser a educación cívica. Ademais, o procedemento creativo de Laura Suárez demostra a importancia que ten escoitar e recoller as testemuñas aínda vivas da nosa memoria patrimonial oral.
Naufraxios en Santa Comba
Rafael Lema presentou tamén o venres a nova edición do seu mítico libro “Costa da Morte, soños e naufraxios” na Librería Ler de Santa Comba, na xornada previa ao Dia do Libro. Foi o novo investigador naval de Muxía Gabriel Cernadas Martínez o encargado da presentación xunto á gerente do Grupo Ler Isabel Ares, coa presenza da alcaldesa de Santa Comba María Pose.
Cernadas fixo unha perfecta introdución: “O libro é unha viaxe ao pasado naval dá provincia, referente da historia marítima dá Fisterra” que ten “seis singraduras ou capítulos a modo de travesías mariñas, describindo os naufraxios sucedidos en cada un dous tramos costeiros analizados, que son: a contorna de Baldaio ás illas Sisargas, Corme- Laxe, Camelle-Arou, cabo Vilán, cabo Touriñán, cabo Fisterra”. “Rafael Lema analiza parte dese milleiro de barcos afundidos na Fisterra que forman un apéndice do gran catálogo galego do autor, que abarca xa case 5.000 sucesos” sinalou o novo estudante do IES Ramón Caamaño de Muxía.
Historia de Galiza en Cee
Tamén o venres, a terraza da Cervexería Foxas, sita no Centro Comercial Finisterrae, acollía a presentación do primeiro tomo do libro u libro “Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza (a segunda metade do século XIV)”. Nerea Cortés e o poeta Xaime Trillo acompañaron ao autor do libro, Francisco Rodríguez. O político retirado, doutor en Filoloxia Románica, e crítico literario e historiador da Literatura galega, analiza a contribución da obra de clásicos como Rosalia de Castro, Curros Enriquez ou Blanco Amor, desde o punto de vista do seu contexto histórico, marcaron un antes e un despois.
Trátase do volume I dunha obra que, ao longo de 544 páxinas e nunha coidadísima edición, editada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) coa colaboración da Fundación Galiza Sempre, que percorre a etapa medieval de normalidade e esplendor do reino de Galiza.