mércores. 14.05.2025
El tiempo

A #AxendaCostadaMorte anticipa a chegada do día das Letras Galegas

A #AxendaCostadaMorte anticipa a chegada do día das Letras Galegas
En moitos puntos da Costa da Morte comezan xa esta fin de semana os actos que se enmarcan dentro da celebración do día das Letras Galegas. Un dos lugares que máis o vivirá será a aldea pontecesá de O Couto que reunirá durante oito días aos principais protagonistas do panorama cultural galego ao abrigo da 35 edición do Festiletras. Ademais desta, ao longo da fin de semana haberá máis citas culturais e de ocio ao longo e ancho da bisbarra. Polo de pronto, repasamos como vén o tempo con este exclusivo parte que no traen os amigos de 4gotas.com, que xa nos avisa que haberá "cun pouco de todo".
O venres e o sábado seguirá na mesma tónica que os ultimos días. Con momentos de tímidos claros (o venres algo máis frecuentes) e con chaparróns puntuais en moitos momentos do día sendo nas tardes (especialmente na do sábado) máis frecuentes e de maior intensidade. O sábado tamén zoará con intensidade o vento do suroeste durante gran parte do día.
Na madrugada de sábado a domingo irán a menos eses chubascos. Na mañá aínda pode quedar algún con moitas nubes e a partir do mediodía desaparecerán e comezará a sair o sol e subirán un chisco as temperaturas.

Teatro

  • "O de menos é o nome" é a obra que interpretará mañá a agrupación teatral Mariñán de Betanzos dentro da II Mostra Teatro Afeccionado organizada polo concello de Zas. A cita é ás 21 horas no auditorio de Baio. Está indicada para todos os públicos e a entrada é de balde.
  • Teatro en Muros. Mañá, ás 21:30 horas, a compañía Debullando Teatro, de Negreira, estrea a súa obra "O Mordomo, of course".

Rutas de sendeirismo

  • As Andainas Costa da Morte descubrirán mañá sábado os puntos máis importantes do concello de Muxía. Os camiñantes percorrerán os dez quilómetros que separan as localidades de Ponte Constante e as Caldeiras do Castro.
  • Senda Nova percorre as terras malpicanas dentro da súa 8ª edición da Primavera en Ruta. Así, o domingo descubrirán os principais atractivos naturais e o patrimonio das parroquias de Cerqueda e Cambre.

Baio Ten a Pelota

  • Esta fin de semana terá lugar a terceira edición de Baio Ten a Pelota; unha campaña comercial na que participan 60 establecementos da vila que ofrecen descontos, horarios especiais, ruta de tapas, e moitas máis actividades.

Festiletras

  • Este domingo arranca a 35ª edición do Festiletras. A pequena aldea pontecesá de O Couto será durante oito días o centro cultural de toda a bisbarra. O programa arranca ás 12:15 horas coa cita "Os bos e xenerosos". Ao longo do día haberá varias citas que culminan co monólogo de Marcos Pereiro ás 20 horas na casa dos veciños.

Exposicións permanentes

  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre sábado e domingo de 11 a 19 horas. Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.

Gastronomía

  • Xornadas gastronómicas en Vimianzo. Varios restaurantes da vila ofrecen ata o 28 de maio un menú especial que se enmarca dentro das Xornadas Gastrómicas Primavera 2017. O menú ten un custe de 20€ por persoa, coa bodega á parte. Para comer ou cear nestas xornadas de degustación é preciso reservar previamente.
  • Rutas de tapas en Santa Comba. Hoxe arranca en Santa Comba a VII edición da Ruta de Tapas na que participan oito establecementos da vila.

Outras citas

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)

Comentarios