Sábado. 14.09.2024
El tiempo

A #AxendaCostadaMorte despide o mes de marzo cunha variedade de citas de ocio

A #AxendaCostadaMorte despide o mes de marzo cunha variedade de citas de ocio
Unha fin de semana máis, a Costa da Morte volve a cargarse de actividades de ocio para todos os gustos. O teatro, os monólogos, a música e xornadas tan interesantes como as do lobo en Santa Comba danse cita na última axenda do mes de marzo que segundo indica o parte costeiro de 4gotas.com virá acompañado dun tempo impredecible.
No inverno houbo noites máis frías, pero días coa temperatura tan baixa non. Xa ves o tolo que está o tempo... E está tan tolo que o prognóstico está case imposible. Hoxe choverá de xeito intenso na madrugada e nas primeiras horas da mañá. A partir de aí, remitirán as chuvias e non irá tanta friaxe coma mércores e xoves. Mesmo haberá bastantes momentos de sol. Mañá sábado, moi posiblemente ao final da mañá, volverán as chuvias e os ceos grises e volverá a facer frío. O domingo, todo apunta a que tras chover na madrugada, haberá unha mañá sen chuvia, un mediodía con temperatura agradable, e moi posiblemente volvan os chubascos, illados, na tarde e na noite. En calquera caso, estade moi atentos á web porque o prognóstico non é tan fiable coma outras veces posto que a borrasca que deixou as saraibadas e a neve destes días situarase xusto sobre Galicia e a pouco que cambie a súa posición cambiará o prognóstico.

Venres Culturais

  • Hoxe, ás 20 horas, terá lugar no pazo da Cultura de Carballo a inauguración da exposición “Asunción, María e José. Xente anónima con nome propio” do fotógrafo Marcos Rodríguez. Ésta é unha actividade que se enmarca dentro da programación dos Venres Culturais. A mostra pode verse ata o 23 de abril no andar -1 do pazo carballés de luns a domingo en horario de 17 a 21 horas.
  • Xa o domingo, ás 18 horas, volve a actividade ao pazo da Cultura con "Móbil"; un espectáculo de circo-teatro dixirido a familias con nenas e nenos de seis anos en diante e intrepretado por La Güasa.
 

Teatro

  • Chévere trae mañá ao auditorio casa da Cultura de Vimianzo a súa obra "As Fillas Bravas" dentro da programación cultural posta en marcha polo concello. A función comeza ás 21:30 horas e o custe da entrada é de 3,5€ (reducida 1,75€).
  • Carlos Blanco ofrece mañá un monólogo na lonxa vella de Lira a partir das 22:30 horas. As entradas, que teñen un custe de 8€ anticipadas e de 10€ en taquilla, pódense reservar no 653238316. A asociación cultural Canle é a encargada de organizar o evento.

Exposicións permanentes

  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abren todos os sábados e domingos de 11 a 19 horas. Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.

Concertos

  • I xuntanza de Músicos en Carnota. Os amantes da música teñen unha cita ás 20 horas de hoxe en Pedrafigueira, en Carnota. Ademais de varios concertos haberá unha churrascada e mesmo tocar unhas jams sessions. O evento está organizado pola asociación Gremio de Músicos de Carnota.

Outras citas

  • II xornadas nacionais do Lobo. Mañá e o domingo o edificio multiusos de Santa Comba acollerá charlas, proxeccións, e outras actividades que abordarán a situación do canis lupus. Unha das protagonistas das xornadas será Odile Rodríguez de La Fuente. Ademais, mañá pola noite celebrarase a II quedada nocturna BTT As Rutas do Lobo.
  • Feira da Primavera en Santa Comba. O recinto feiral de Santa Comba acolle dende hoxe e ata o domingo a Feira da Primavera organizada pola asociación Costavales en colaboración co concello xalleiro. Haberá postos de artesanía, moblerías, téxtil, agricultura, automoción,...
  • Xornadas de atención á diversidade. A casa da Cultura de Cee acolle esta fin de semana as II xornadas de atención á diversidade.
  • O alumnado do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso ten hoxe, ás 11:30 horas, unha cita cos contos e coa igualdade na biblioteca pública municipal do concello. A encargada de lelos será Ana Hermida.
  • Presentación da 8ª Primavera en Ruta en Zas. A asociación ambiental Senda Nova presenta esta noite, ás 20 horas, no centro sociocultural de Zas o seu programa de andainas que arranca o vindeiro 2 de abril.
Fonte

Comentarios