A música toma o relevo do teatro no Pazo da Cultura
Co éxito do FIOT aínda no padal, e ca nova Biblioteca xa fervendo, Carballo non para e xa pensa no seguinte programa cultural. Alcalde e Concelleira, acompañados pola pianista Cristina Rodríguez, carballesa que ofrecerá un recital de piano durante o programa, presentaron este “Novembro con Música”, que ofrece un total de 10 concertos, ademais de actividades paralelas relacionadas coa arte ou co teatro, entre o 7 de novembro e o 3 de decembro.
A primeira das actuacións será o concerto que a pianista carballesa Cristina Rodríguez, que iniciou os seus estudos musicais no Conservatorio de Carballo e que rematará este ano no Superior da Coruña, ofrece o venres 14 de novembro no auditorio do Pazo da Cultura a partir das 21.00 horas.
A segunda está prevista para o venres 21 de novembro, tamén ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. Aproveitando a súa xira internaciónal, o músico arxentino Fernando Viciconte presenta seu último traballo "Leave the Radio On". De orixe galega e afincado nos EEUU, conta cunha ampla traxectoria no eido da música rock, coutry e indie rock.
Teremos tamén música coral e bandas de música entre outras propostas máis folkeiras.
Finalísima co Concurso de Teatro Lido
Seis grupos participan este domingo na final XIV Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís”. Farano nun acto terá lugar o próximo domingo 9 de novembro a partir das 18.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo e inclúe unha chocolatada para acabar a xornada.
Os seis grupos finalistas foron seleccionados entre 26 gravacións, feitas por uns 150 nenos e nenas, dos CEIPs dos concellos de Carballo, Cabana, Coristanco e Malpica e de asociacións culturais de Carballo.
Os seleccionados volverán interpretar os seus fragmentos e tras unha nova deliberación do xurado, entregaranse os premios aos ganadores. Os clasificados recibirán vales valorados en 850€, patrocinados pola Libraría Brañas, e canxeables por libros e material didáctico, así como material promocional de Sogama.