Domingo. 31.05.2020
El tiempo

A Terra de Soneira do Seminario de Estudos Comarcais traspasa fronteiras

A Terra de Soneira do Seminario de Estudos Comarcais traspasa fronteiras

Hoxe martes día 25 de xaneiro, terá lugar a presentación na librería Couceiro de Santiago, ás 20:00, do libro "A Terra de Soneira, no Corazón da Costa da Morte". Un libro que edita o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e que vén sendo moito máis que unha guía sobre as Terras de Soneira.

Na presentación estarán presentes Xosé Mª Lema (coordonador e director da publicación), Evaristo Domínguez, Xan fernández Carrera, Roberto Mouzo e Xosé Mª Rei Lema. Ademais, o acto contará coa presenza do físico baiés Jorge Mira (profesor titular da USC) e de Manuel Bragado, director de Edicións Xerais.

Un pouco de historia

A Terra de Soneira é unha das 53 comarcas contempladas no Mapa Comarcal de Galicia, segundo o ditame oficial da Xunta de Galicia. Oficialmente confórmana tres concellos (Camariñas, Vimianzo e Zas), pero en séculos anteriores tamén formaban parte dela a totalidade do concello de Laxe e a maior parte do de Cabana, que hoxe son da comarca de Bergantiños. Estas freguesías laxenses e cabanesas aínda hoxe forman parte do arciprestado eclesiástico de Soneira. A chamada ‘Soneira histórica’ entra con todo dereito, polo menos ata 1836, nas páxinas deste libro.

A obra empeza cunha xustificación da personalidade específica da comarca demostrando con documentos e cartografía histórica a existencia dun territorio diferenciado con este nome desde hai mil cen anos (o ‘commisso de Somnaria’).

Os dous seguintes apartados no adoitan figurar nas guías habituais, mesmo podiamos dicir que é unha innovación nosa: a análise da fala soneirá e un estudo sobre os apelidos soneiráns máis frecuentes, algúns específicos da bisbarra.

Logo ven unha ampla ‘Introdución xeográfica: natureza e paisaxe’, onde facemos distinción entre unha extensa a Soneira interior e unha máis reducida Soneira da beiramar, divididas unha e outra en varias microbisbarras. Neste apartado inclúese un estudo demográfico realista (perdemos poboación de ano en ano) e dos recursos económicos.

Ofrece despois unha visión da historia comarcá desde os tempos prehistóricos ós contemporáneos, e, a continuación, as ricas manifestacións artísticas desde o Megalitismo á actualidade (románico, gótico, renacemento, barroco…).

Tamén considera de interese o noso rico patrimonio etnográfico (a casa, os cabazos, os muíños, os batáns, os cruceiros…); a artesanía (o encaixe e o liño); as festas tradicionais e os eventos festivoculturais consolidados (coma o Asalto ó Castelo de Vimianzo e a Festa da Carballeira de Zas; as rapas das bestas da Areosa e de Carreira); as actividades deportivas (os clubs de fútbol, baloncesto, balonmán, xadrez) e culturais (teatro, música folclórica e coral, etc.), sen esquecer a gastronomía (mención á faguía de Carnés).

Outro dos aspectos importantes son os persoeiros de sona nacidos nalgún dos tres concellos, e levaremos a grata sorpresa de que contamos cunha boa cantidade: escritores de onte e de hoxe, eclesiásticos, artistas de diversas épocas, músicos, científicos, filántropos, políticos, militares, incluso algún corsario… (do escritor Enrique Labarta a Jorge Mira).

Rutas

Un apartado especial son as RUTAS para coñecer a comarca, nas que pretendemos chamar a atención –ás veces- polo máis sinxelo (unha paisaxe, uns rápidos dun río, calquera curiosidade etc.). Propoñennos rutas xerais por zonas específicas da comarca (a ruta oriental, varias centrais e outra occidental, coas correspondestes subrutas en cada unha delas) e rutas específicas.

Queren facer fincapé nestes roteiros específicos, pois na nosa comarca contamos cuns elementos singulares que hoxe en día están sen aproveitar e que poderían atraer un bo número de visitantes: unha ruta arqueolóxica con varias das antas ou dólmens máis coñecidos de Galicia (Pedra Cuberta, Arca da Piosa, Pedra da Arca), castros (O Sino, As Barreiras) e restos romanos (en Tines e en Brandomil)); unha ruta dos pazos (castelo de Vimianzo; pazo de Trasariz; Torres do Allo, de Romelle e das Edreiras…); unha ruta tan singular e novidosa como é a ruta dos naufraxios (de Mórdomo ó cabo Vilán); e outra ben senlleira: a ruta dos Penedos de Pasarela, Traba e Piñeo (declarados en xaneiro de 2009 Paisaxe Protexida).

Novas relacionadas

Fonte

comentarios