Sábado. 27.07.2024
El tiempo

A Xunta vota en contra da transparencia nas axudas a medios de comunicación

A Xunta vota en contra da transparencia nas axudas a medios de comunicación
A Xunta evita a paridade no reparto das axudas aos medios

“Facer dous grupos de medios; os que empregan o galego e os que usan o castelán prioritariamente, supón un desequilibrio". Foi un dos argumentos defendidos pola popular Paula Prado na Cámara galega para que o seu grupo votara en contra dunha lei de publicidade institucional con achegas do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) e a Asociación de Medios en Galego (AMEGA), que levou ao pleno o BNG.

Os populares insistiron nos criterios da liberdade informativa entre medios en español e galego para que os primeiros reciban millonarias axudas que non reciben os segundos, un argumento que tamén utilizan na lingua para manter o decreto do bilingüismo sobre o que o TSXG xa admitiu varias denuncias.  "Non podemos decidir a través de que medios queren informarse os galegos, non seremos os políticos os que o decidan", insistiu Paula Prado.

Este é un documento que non dá nin para empezar a falar nin para emendar", insistiu a deputada popular que tivo que deixar o Concello de Santiago e a Portavocía do PP polas súas imputacións xudiciais. Falaba dun proxecto de lei que os populares levan prometendo aprobar desde a época de Fraga e que aínda segue no caixón. Unha proposta, a da AMEGA, que se basea na actual lei estatal. Unha lei que, neste caso, non lle vale ao PP.

Nunca houbo tanta obxectividade como co goberno actual. Todos os medios son galegos, publiquen máis un día no idioma propio ou menos”, dixo Prado sen referirse a que nos últimos anos só desapareceron cabeceiras en galego e ningunha en español. E iso, sen ter en conta que moitas desas cabeceiras en español viven a conta das subvencións públicas, a pesar de ter débedas millonarias con Facenda ou de realizar numerosos ERES e despidos de traballadores con diñeiro de todos os galegos.

“Transparencia” nas axudas

O texto presentado polo BNG na Cámara foi o que a Asociación de Medios en Galego lle presentou aos distintos grupos, asumida polo Bloque e AGE, e apoiada polo PSdeG e Grupo Mixto, no que se pide maior "transparencia" na repartición de publicidade institucional.

O texto recolle as propostas do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e do Sindicato de Xornalistas e coincide coa recomendación do Consello de Contas de que a publicidade institucional “se reparta en convocatorias públicas e obxectivas ás que se poidan concorrer todos os medios de comunicación en igualdade de condicións", algo que agora non se fai.

Durante o debate, a parlamentaria do BNG, Montse Prado, acusou ao Goberno de "estar cómodo na opacidade, na compravenda de vontades, aniquilando os medios de comunicación que usan o galego" e lamentou a "oportunidade perdida" para regular esta cuestión. Ademais, asegurou que o PP non seguiría no poder "se non tivese o cordón mediático comprado con recursos públicos".

Tamén os socialistas criticaron a negativa do PPdeG a regular as subvencións aos medios, a pesar de terse comprometido a facelo ata en nove ocasións.  "O argumento para rexeitar as propostas é sempre o mesmo: que se vai a presentar de forma inminente", suliñou a deputada socialista Beatriz Sestayo, que dixo que, mentres que non se regule a información deste tipo de forma clara, "estase a secuestrar a democracia".

Pola súa banda, o deputado de AGE, Xabier Ron apostou por "ilegalizar o autobombo do goberno de quenda" e por poñer en marcha unha “publicidade ética”. “A lei debería servir para normalizar o uso do idioma na publicidade institucional”, indicou.

Finalmente, a deputada do Grupo Mixto, Consuelo Martínez, sumouse á toma en consideración da Lei, acusando á Xunta de Galicia de "permitir e incluso provocar o peche de medios de comunicación en galego"

Novas relacionadas

Fonte e máis información

Comentarios