As citas máis importantes da #AxendaCostadaMorte

03:15 17/02/17

- Esta noite hai unha nova cita cos “Venres culturais” de Carballo. A compañía Teatro de Ningures trae a súa obra "Unhas poucas picadelas" ao pazo da Cultura. A cita comeza ás 21 horas e o custe da entrada ordinaria é de 3€.
- Mañá continúa a programación cultural do concello vimiancés antes do parón do entroido. Contraproduccións Teatro estrea na casa da Cultura de Vimianzo a súa obra "O Tolleito de Inishmaan" que comeza ás 21:30 hora. A entrada ten un prezo de 5€ (2,5€ para maiores de 65 anos e estudantes).
- "A Noite do Capador" así lle chaman os membros da Canle de Lira ao monólogo de Federico Pérez mañá na lonxa vella lirachá a partir das 22:30 horas. O custe da entrada anticipada é de 5€ e 7€ en taquilla.
- O pazo da Cultura de Carballo acolle ata o vindeiro domingo 19 de febreiro a exposición “Un mar de sensacións”. Chiña e Mon Lendoiro recompilaron os poemas publicados polo Semescom no ano 2012 para darlles forma plástica.
- Tamén o pazo de Cultura de Carballo acolle ata o día 28 a exposición do XIV certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, da Deputación da Coruña.
- A casa de Man de Camelle acolle unha exposición de pintura naval. Baixo o título “Costa da Morte. Naufragios” Rosa Pereda e Rafael Lema recuperan as historias dos naufraxios máis importantes acontecidos nas augas da bisbarra. A inauguración terá lugar mañá sábado ás 12 horas.
- Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
- As Torres do Allo, en Zas, abren todos os sábados e domingos de 11 a 19 horas. Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
- O faro Vilán acolle ata o 26 de febreiro a exposición “Casa de Luz, grabados” de Mariano Castillo. Pode visitarse en horaio de 11 a 14 e de 16 a 18:3o horas.
- No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.
- O auditorio Baldomero Cores de Cee acolle mañá a presentación de “A relixión do mar” de Xosé Iglesias, obra gañadora do IX premio de Poesía Victoriano Taibo de Gondomar. Ademais do escritor tamén estará na presentación Viki Rivadulla.
- Mañá, ás 18 horas, terá lugar no clube naútico de Camariñas a presentación do libro "Costa da Morte, crónica Marítima" de Rafael Lema. A obra, editada polo GALP, recolle crónicas da historia do comercio marítimo e a influencia do mar na actividade socioeconómica na Costa da Morte.
- Concerto en Carballo. O grupo Talesien estrea esta noite o seu disco na Sala Dublín, en Carballo. A cita é a partir das 23:30 e o custe da entrada é de 8€.
- No marco do programa Reláxese, hoxe terá lugar un showcooking a cargo de Fernando "Caco" Agrasar, chef do restaurante As Garzas de Malpica.
- A biblioteca municipal de Ponteceso acolle esta tarde, ás 20 horas, un faladoiro con Luís Pirucha; escritor e exemplo da iniciativa alternativa na edición literaria en Galicia, que se dá a coñecer a través das redes e mediante accións directas de contacto co potencial lector moi moi orixinais.
- Historias de Inverno en Couso (Coristanco). Senda Nova organiza unha nova cita das súas historias de Inverno, na que os protagonistas serán Evangelina Pérez, Manuel Fernández, Ramón Velo e José Porteiro que se encargarán de contar historias e vivencias. A cita é a partir das 19 horas no centro social de Currás de Abaixo.
- Concerto en Muros. O centro cultural de Muros acolle mañá, ás 18:30 horas, un concerto ofrecido pola rondalla de Aguiño. A entrada é de balde.
- O domingo, ás 20 horas, o auditorio da casa da Cultura de Cee acolle unha gala poético musical na que participarán Manuel Oliveira “Manolín” e as agrupacións de baile Terra de Sena de Cee, a escola de danza Breogán de Brens e Xaldón de Corcubión.
- Redacción QPC ([email protected])