Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Asunción Antelo: Coñecendo á voz feminina creativa máis salientable das terras de Pondal

Asunción Antelo: Coñecendo á voz feminina creativa máis salientable das terras de Pondal
Escolares visitando a Asuncion Antelo

Impresionados quedamos ao coñecer, en primeira persoa, a toda unha lenda viva da Costa da Morte. Asunción Antelo, a Rexoubeira de Bergantiños, é, en si mesma, un tesouro patrimonial. E aos seus 95 anos, segue dando que falar. E falando pois puidemos comprobar de primeira man as gañas que ten de contar historias da súa vida.

Ata a súa casa-museo nos achegamos cun grupo de 50 escolares de Ponteceso, que gracias ao compromiso dos seus mestres, puideron coñecer dúas xoias da comarca, o Centro de Formación Rural EFA Fonteboa, e o museo da Rexoubeira.

Mágoa que para chegar ata o museo non haia nin un só cartel. I é que parece que as disputas persoas do alcalde coristanqués, o imputado Antonio Pensado, veciño de Asunción no lugar de Segufe, na parroquia de Seavia, impiden que o Concello de Coristanco poña en valor á voz feminina creativa máis salientable das terras de Pondal.

A voz feminina creativa máis grande de Bergantiños

Os escolares aboian coas esculturas de Asuncion Antelo

Falamos dunha artista multidisciplinar. Nos libros (como en “As penurias dun amor”, editado pola A.C. Monte Branco, que vai celebrar por certo, dende o Couto, o 96 aniversario da barda este vindeiro mes de agosto) quedarán as súas poesías e os seus contos. Na lembranza dos veciños quedarán as súas regueifas. Nas fotos dos centos de visitantes, e no seu propio Museo, quedarán as súas obras escultóricas, feitas en pedra, que ela mesma carrexaba, ou en maderia.

Quedamos impresionados con esas cadeiras onde a ela tanto lle gusta sentar; coas formas de caras estranas que parecen saídas do mesmo inferno; co lugar da igrexa de Segufe, feito polas súas mans hai máis de 30 anos; e ata polo mesmo Bin Laden, unha obra que fai alucinar aos pequenos que a visitan, que quedan abraiados con tanta creación.

Obras no Muse de Asuncion Antelo Rexoubeira de Bergantinos Obras en pedra de Asuncion Antelo na sua casa-museo de Coristanco

Ante a falta de apoio institucional, o compromiso dunha amiga e veciña

Isabel Rey Porteiro con Asuncion Antelo no seu museo

Non podemos rematar este artigo sen falar dunha desas persoas comprometidas co noso patrimonio, e que dá a súa vida por amosalo. Falamos de Isabel Rey Porteiro, veciña de Segufe, que fai de coidadora de Asunción, pero tamén fai de contacto con ducias de centros de ensino de toda Galicia, coa prensa e que mesmo fai de guía durante as visitas, contándolle a historia desta brava muller. Sen Isabel, probablemente, o legado de Asunción estaría esmorecendo.

Gracias Asunción. Gracias Isabel. Seguide permitindo que escolares de toda Galicia coñezan o poder desta muller autodidacta.

Asuncion Antelo recibindo no seu museo a escolares de Ponteceso

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios