mércores. 19.03.2025
El tiempo

Axenda dunha fin de semana sendeirista na Costa da Morte

Axenda dunha fin de semana sendeirista na Costa da Morte

Segunda fin de semana de maio, sen ponte, pero con moitas cousas que facer. Unha fin de semana na que arrinca a campaña das Europeas con varios mitines, pero no que música, ruta cabalar, festas, teatro… pero sobre todo 3 rutas de sendeirismo serán as protagonistas. E para as rutas é necesario saber que tal vén o tempo, e para iso lemos o que nos contan os amigos de 4gotas, que nos traen un parte que, se ben alegre, alegre non é, polo menos apenas haberá chuvias:
O venres amencerá con moitas néboas e nubes baixas que mesmo mollarán, a partir de media mañá irán a menos. Desaparecerán no mediodía entre Fisterra e Muros, quedando na parte norte todo o día, por mor dos ventos frouxos do noroeste.
O sábado non mellorará moito a cousa. Estará un tempo "morriñento". Teremos que seguir falando de moitas nubes baixas, que acabarán deixando algún orballo moi intermitente.
O domingo amencerá aínda con nubes, pero axiña acabarán por desaparecer na mañá e semella que lucirá o sol todo o día. Iso si, as temperaturas non pasarán dos 17-18ºC.
O tempo do domingo, aínda non se pode considerar 100% fiable, polo que é recomendable botarlle unha ollada á web o sábado para confirmalo.

3 citas coa natureza

Sen lugar a dúbidas, e quen nolo ía dicir o ano pasado, o sendeirismo é o referente das actividades nas fins de semana primaverais. Estes días temos 3 saídas. Comezamos o sábado a primeira hora da mañá coa Andaina polas nubes de Muxía, con subida incluída ao Monte Facho (menudas vistas) e a zona de Lourido, onde están a construír o famoso parador de Muxía.
O domingo haberá doble sesión, a Ruta de Senda Nova polo Coristanco histórico, e a 6ª etapa do Camiño dos Faros, que nos levará de Camariñas a Muxía, pasando por lugares como a praia do Lago, Merexo, e rematando nas pedras da Barca.
Ollo, que o sábado pola tarde, os trasnos xa estarán por Muxía armando a previa, con visita guiada pola vila da Barca, visita ao Museo de Fotografía Ramón Caamaño e concerto da Traskiband.

Moita música

Será a noite do venres unha noite no que a música será protagonista. Destacamos o concerto de Albas Rusa co Rebumbio da Costa en Aldea Madeira, pero tamén poderemos escoitar algo de blues no concerto de Javi Turnes play alone en Cee, ou o Concerto do vimiancés Serj na Ponte do Porto. Teremos ademais tamén na noite do venres un monólogo de Ramón LSD en Cee.

Para o sábado, toca Concerto de Los Claretes en Vimianzo.

De ruta cabalar, folclore e de festa

Dúas citas singulares temos tamén estes días. O sábado teremos a III Ruta Cabalar Costa da Morte polas terras de Soneira.
Para a tarde do sábado e amañá do domingo, podemos achegarnos ao Festival Folclórico de Lires.
E para a tarde-noite do sábado, O Cairo se convertirá nun campo de festa máis que de fútbol para celebrar as Festas de San Corme CF, celebrando así, tralos dous partidos de xuvenís e maiores, o título da Liga da Costa acadado pola marea azul a semana pasada.

Que non falte o Teatro

Non hai fin de semana sen posibilidade de ir ao teatro na Costa da Morte. Estes días segue en marcha a Mostra de Teatro Xosé Agrelo de Muros, e teremos o sábado pola tarde cita con Talía Teatro e unha obra para o público familiar.
E como non podía ser doutro xeito, pechamos a fin de semana coa programación continua do Concello de Vimianzo, e desta volta o facemos ca A compañía Fantoches Baj e a montaxe “O Asombro con Díaz Castro”, no marco do “Mes das Letras”, e como recordo ao autor homenaxeado este 2014.

Máis información

Fonte

Comentarios