mércores. 13.05.2026
El tiempo

Zas lembra a Enrique Labarta Pose no 101 aniversario do seu falecemento

 

FOTO ZAS - O Concello de Zas lembra a Enrique Labarta Pose no 101 aniversario do seu falecemento
alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o descendente do escritor, Ángel Labarta, realizaron unha ofrenda floral
Zas lembra a Enrique Labarta Pose no 101 aniversario do seu falecemento

O Concello de Zas rendeu homenaxe hoxe a Enrique Labarta Pose coincidindo co 101 aniversario do seu falecemento. O alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o descendente do escritor, Ángel Labarta, realizaron unha ofrenda floral diante do monumento dedicado ao autor co obxectivo de manter viva a súa memoria e seguir reivindicando o recoñecemento que merece unha das figuras máis destacadas da literatura galega. 

Durante o acto, ambos depositaron un ramo de flores como símbolo de lembranza e respecto cara ao polifacético escritor baiés, autor dunha extensa obra literaria e firme defensor da lingua galega. Enrique Labarta Pose deixou unha profunda pegada na literatura galega de finais do século XIX e comezos do XX, destacando tamén pola súa intensa actividade cultural durante a súa etapa estudantil.

O rexedor destacou a importancia de continuar divulgando a figura e o legado de Enrique Labarta Pose e insistiu na necesidade de que a Real Academia Galega lle dedique no futuro o Día das Letras Galegas. “Labarta Pose foi un pioneiro da defensa do galego e unha figura fundamental da nosa cultura. Desde o Concello de Zas seguiremos traballando para que teña o recoñecemento que merece e para que a súa obra continúe chegando ás novas xeracións”, sinalou Manuel Muíño. 

Entre os seus textos máis recoñecidos figuran obras emblemáticas como ‘¡Que me enterren aló!’, ‘¡Non falés o Gallego!’ ou ‘Defensa das Mulleres’, nas que deixou patente o seu compromiso coa lingua galega, coa defensa das mulleres e co amor pola súa terra. 

O alcalde tamén lembrou o amplo programa de actividades impulsado o pasado ano con motivo do centenario do falecemento do escritor, e a loita por conseguir que Labarta Pose protagonizase as Letras Galegas.

Máis novas

Comentarios