Mércores. 03.06.2020
El tiempo

#AxendaCostadaMorte chea de teatro, música, humor e rutas

#AxendaCostadaMorte chea de teatro, música, humor e rutas
Axenda Costa da Morte 16-10-15 Segue a rebentar a www.axendacostadamorte.com neste ecuador do mes de outubro. Teatro de alto nivel, rutas literarias e tamén naturais, citas co humor e coa música… Non hai que perder unha soa ocasión de gozar da fin de semana. E para saber se temos que sacar as catiúscas, os amigos de 4gotas tráennos o parte meteorolóxico exclusivo para a Costa da Morte. Efectivamente, non vai aguantar esta boa semana: Dúas borrascas están a achegarse a Galicia. Unha desde os Azores e outra só en altura atravesando o anticiclón que nos deixou unha semana de sol. É moi posible que o aire frío da segunda, reforce á primeira e se acheguen a Galicia durante a fin de semana, pero a posición exacta que tomarán non está nada clara, polo que en función diso falaremos de máis ou menos chuvias. A mellor recomendación desta volta é seguir as actualizacións diarias do pronóstico na nosa web 4gotas.com, porque seguro que haberá cambios. O venres aínda non choverá, pero a día de hoxe é moi probable que caian 3 ou 4 ballóns puntuais durante o sábado e o domingo. Algún o sábado pola madrugada/mañá, outro máis probable na noite oú máis ben madrugada do domingo e despois os que serían más intensos chegarían na noite do domingo. Haberá boa temperatura, polo que nos momentos de claros (que tamén haberá) estarase moi ben ao aire libre.  

Completa sesión teatreira no FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) chega ao seu ecuador da man de actrices referentes como Blanca Portillo e Inma Cuevas, que esta fin de semana subirán ao escenario do Pazo da Cultura para protagonizar dúas das obras de maior expectación desta 24 edición. O venres 16 ás 21.00h a compañía madrileña Draft.Inn representará “Los nadadores nocturnos”. O sábado teremos nada menos que a Blanca Portillo co Testamento de María, tamén na sesión de sala. Pero antes, na tarde sabatina Pez Limbo tráenos varias citas con Mamá Gallina na sesión OTNI. As sesións do FIOT rematan o domingo tamén con acento madrileño, coas Constelaciones de Kendosan Producciones. E se falamos de teatro, temos que lembrar tamén que comeza o Mostra de Outono de Teatro de Laxe, e faino coa Escola Municipal de Santa Comba e o seu "O ollo que todo o ve".

Marea de música

A fin de semana terá varias citas musiqueiras. A máis singular e aglutinadora, a artellada pola Peña Marea Nejra do Fisober. O >Rock in Vimio vai ser un gran festival punk de bandas costeiras mollado con chouripán para celebrar a noite do venres. Tamén en Vimianzo, pero xa en sábado, teremos o Concerto de 1996 no Celme. Tamén en clave brava, poderemos ir antes ao Concerto en Muros dos rapaces de Archivo adxunto. Se somos máis de clásicos, non perdades as versións dos ceenses Alan Acoustic Project na Ponte do Porto. E para os amantes da música jazzeira, teremos unha Jam Session na Ventana de Laxe, onde ademais de escoitar, se sabedes, podedes tocar.

De risas

Temos varias citas humorísticas estes días pola volta, como no Outubro Comediante do programa cultural de Vimianzo que continúa coa Boneca Latera que chega o sábado "Filosolfando". En Cee no marco do Mes da Fundación Fernando Blanco temos o Monólogo científico co Discurshow entre o científico Xurxo Mariño e o actor Vicente de Souza. E completa o trío de actividades humorísicas o monólogo en clave de maxia do Mago Deimi en Camelle, tamén na noite do sábado.

De ruta literaria e natural

Unha das citas máis singulares da fin de semana será a que organice o propio Xosé María Lema Suárez. Sairá de Vimianzo na mañá do sábado en autobús, a Ruta Costa do Solpor que nos levará polos espazos onde se desenvolve a súa novela histórica do mesmo nome. E paralelamente, na zona sur, a Asociación Monte Pindo Parque Natural celebra os seus 5 anos cunha xornada completa. Haberá unha subida á Moa pola mañá, e pola tarde, recital poético, homenaxe a Pepe do Fieiro e cea con cóctel e conxuro.

Tempo de cogumelos

E como estamos en pleno outono, chegou o tempo dos cogumelos. E como non, xa nos traen as primeiras Xornadas de Micoloxía do EFA Fonteboa que se celebrarán o venres e o sábado en Coristanco.

Máis información

Fonte

comentarios