#AxendaCostadaMorte: Fin de semana de castañas e rock&roll


Xa nolo contan dende Turismo Carballo i é que esta fin de semana o rockandroll será un dos grandes protagonistas. Teremos tamén cine, monólogos, teatro e, como non, magostos. E ollo, que en Vimianzo xa arrincan os menús arqueogastronómicos nos 12 establecimentos da rede "Do mar á Terra. Pero antes de repasar as citas, lemos o parte metereolóxico do compañeiro Carlos Balseiro, de 4gotas.
O máis destacado da fin de semana será o aumento da sensación de frío. As temperaturas non baixarán moito máis pola Costa da Morte pero si que aumentarán as nubes e tamén a intensidade do vento e con el, baixará a sensación térmica e notaremos máis frío.
O vento será do norte-nordés durante toda a fin de semana, polo que entre Fisterra e Muros haberá máis sol que ao norte de Fisterra.
Na parte norte chegarán chuvascos espallados, pero puntualmente intensos e con algunha saraibada entre a tarde do venres e e o mediodía do sábado, quedando o resto da fin de semana con máis nubes ca claros.
Ao sur de Fisterra é moi probable que só cheguen eses chuvascos illados, pero intensos, na mañá e mediodía do sábado, manténdose os ceos con bastantes claros, especialmente no solpor do sábado e durante boa parte do domingo.
A ritmo de R&R
A fin de semana arrinca con protesta, coa Concentración de Nunca Máis en Cee. E seguirá a ritmo guitarreiro. O venres, en Carballo hai dúas citas impresionantes (mágoa que se solapen así, a verdade). Teremos un completo Festival Live in Cances, con varias bandas locais como protagonistas.
Ademais, Carballo acolle o concertazo de Su ta gar, unha das bandas máis míticas do rock vasco.
A noite do venres terá tamén un par de citas musiqueiras polo sur da bisbarra, co concerto do Trío Liderband en Corcubión e o concerto dos muradáns Trapos Sucios en Cee.
E para os que non gusten das guitarras, terán a posibilidade de escoitar o monólogo en Cee do coñecido actor galego Luís Zahera, "Petróleo", así como asistir ao ciclo de cine na Capela do Pilar de Corcubión.
O sábado arrinca a ritmo de verbena ca sesión vermú das Festas de Rus, que continúan pola noite e para o mediodía do domingo.
E a tarde será tarde de castañas, con Magosto en Muxía, Magosto en Laxe e Magosto no Pindo.
Unha das citas fortes da noite do sábado será co Ciclo de Teatro de Ponteceso, cunha cita cos Isi e Patricia de AContraButaca e o seu espectáculo “Dous son Parella”.
Xa o domingo continúa a Mostra de Teatro de Outono de Laxe e pecharemos a fin de semana ca cita dominical vimiancesa e o III Encontro de Corais Terra de Soneira.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).