#AxendaCostadaMorte para unha fin de semana de festas, cultura e loita


Nova fin de semana e a Axenda Costa da Morte non para. Festas, danza, teatro, música, camiñadas, proxeccións… Un pouco de todo, pero antes de debullar as citas, traemos o exclusivo parte costeiros que nos mandan os amigos de 4gotas.com:
Teremos unha finde outonal, co ceo gris, con chuvia e por momentos con vento.
O venres choverá na madrugada. O resto do día e ata o sábado ao mediodía haberá moitas nubes entre Muxía e Muros (tamén no interior) con orballos, e ceos algo máis abertos canto máis preto de Malpica, con vento moderado do sur durante todo o día.
O sábado pola tarde será o peor momento da finde. O vento do sur-suroeste terá refachos moi fortes na tarde-noite e choverá toda a tarde e tamén na madrugada do domingo.
O domingo pola mañá o vento rolará ao noroeste (soprará moderado) e acumulará moitas nubes e orballos entre Malpica e Fisterra, quedando Cee, Corcubión e Carnota só con algunha chuvia ocasional e con momentos de claros, pero iso si, cun descenso nas temperaturas.
Xa vedes que a finde será de sofá e película...
De festas
Xa o xoves arrincan as Festas de San Xurxo de Camariñas que encherán de verbeneo a vila do encaixe ata o domingo.
E tamén estarán de Patrón nas Festas de San Marcos de Corcubión, cun sábado ben festexeiro.
Un venres cultural e musiqueiro
Son varias as propostas culturais para a noite do venres. Comezando pola sesión de Danza en Carballo, que se repetirá na Noite sabatina e que achegarán a Carballo dous espectáculos galegos.
Teremos tempo para rir no Monólogo de Andrés Madruga en Cee, e para deleitarnos con boa música co concerto de Miki Nerviu & The Bluesmakers en Carballo, ou o Concerto de Marcos Mella & Cab García en Vimianzo.
Sábado completo
Ademais das citas festexeiras, o sábado teremos varias citas culturais, como a Mostra de Teatro Agrelo de Muros, cun espectáculo infantil, ou a viosita dos sempre simpáctos Os 7 magníficos +1 a Cee.
Teremos tamén unha cita social, no Forum Carballo, ca Proxección dunha documental e encontro entre os colectivos das Encrobas e Corcoesto, unha fermosa cita para comprobar que o tecido social galego segue en pé de guerra na defensa do seu patrimonio.
E xa para pechar a noite sabatina, Concerto Cavernícola en Muros.
Domingo en ruta e de teatro
E dúas citas típicas dominicais, o roteiro de Senda Nova, desta volta polo Coristanco Histórico, e a sesión teatral de Vimianzo, que chega con Pepe Piña “En clave de fado”.
Tamén o domingo, o Centro Social de Cee celebra un dos seus festivais na Casa da Cultura.
Máis información
Tendes toda as citas debulladas en:
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).