Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Carballo Rexenera as súas rúas cun festival internacional de arte urbano

Carballo Rexenera as súas rúas cun festival internacional de arte urbano
Rexenera Festival de Arte Urbana de Carballo

Continúa Carballo disposto a seguir Derrubando Muros con pintura. O pioneiro proxecto municipal de humanización das rúas carballesas a base de fermosos graffitis colle un novo impulso co “Rexenera Fest”, primeiro festival internacional de arte urbana de Carballo que terá lugar a partir do 1 de xuño.

Un xeito de recuperar zonas pouco atractivas, de convertir Carballo nun museo a ceo aberto, que pode seguir medrando. Deste xeito, o festival pretende ser un axente rehabilitador contra o feísmo urbanístico e utilizará as rúas como un espazo de diálogo e de expresión artística. Un xeito de convertir Carballo nun referente en materia de turismo cultural.

Serán 7 días nos que un coidado elenco formado por cinco artistas provintes de distintas nacións, intervirán en cinco paredes de grande formato esparexidas polo casco urbano.


Sokram e Mou de Mutante co alcalde e concelleiro de Carballo

Os artistas convidados

De entre os artistas, un dos máis destacados sería Aryz, un dos máis relevantes a nivel internacional e orixinario de Barcelona. É unha das figuras máis recoñecidas e influíntes a nivel internacional neste movemento artístico. Chega a Carballo despois de amosar o seu traballo ao longo do mundo por cidades de toda Europa, Estados Unidos e América Latina. Na súa obra predominan as representacións de impresionantes e xigantescas figuras. Encargarase de pintar unha das paredes do Fórum.

Pixel Pancho chega dende Turín para traballar no número 67 da Gran Vía. É a día de hoxe un dos artistas urbanos máis populares e activos da escena italiana a nivel internacional, con grandes murais esparexidos por numerosas cidades de Europa, Estados Unidos e México. A través de referencias históricas e contemporáneas, as súas composicións adquiren un sentido metafórico que nos teletransportan ao noso espazo tempo.

BordaloII realiza esculturas e murais de alto releve conformados exclusivamente a partir de lixo. Vén dende Lisboa e os seus traballos tamén teñen unha dimensión reivindicativa, xa que as súas pezas reflicten de xeito implícito os nocivos vicios da sociedade consumista e convidan á reflexión sobre a deriva imparable de crecemento exponencial que vive o planeta. Traballará nunha das paredes do aparcadoiro da Horta do Casino.

Dulk é un ilustrador, deseñador e muralista que vén dende Valencia. Chega a Carballo despois de dar a coñecer o seu traballo en Inglaterra, Alemaña, Holanda, Italia, Estados Unidos ou Bélxica, onde gañou recentemente un importante premio internacional. É unha obra próxima á ilustración infantil e con aires naif, mais que agocha tamén unha mirada crítica e sarcástica sobre a cruel situación á que estamos sometendo a natureza. Encárgase doutras das paredes do Fórum Carballo.

Por último, dende Santiago de Compostela chega Nömada. Nado en Almería, está afincado en Galicia e é un dos activistas máis presentes nas rúas da capital galega, cunha especial fixación pola busca dos recunchos máis interesantes e esquecidos da cidade. Ofrece unha pintura que garda unha lectura social. Traballará no número 9 da Rúa Fomento.

Festa de peche na Sala Dublín

Despois de que os artistas plasmen os seus traballos, o sábado 6 de xuño haberá unha festa na Sala Dublín como peche do Rexenera. Un festival musical de balde, coas actuacións de Xenderal -veño coñecido en Carballo que xa actuou na inauguración da Biblioteca Rego da Balsa- co ragga de Check Selectah; e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, un grupo de "música negra" pero tamén moi ecléctico. A cita será a partir das 23.30 horas.

Derrubando Muros


Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios