Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Carnota fai medrar a semente da historia coas xornadas de Castros a Castelos

Carnota fai medrar a semente da historia coas xornadas de Castros a Castelos
Presentando as Xornadas de Castros a Castelo na Mostra Víndemo Ver de Carnota Pincha para ampliar o programa das xornadas De Castros a Castelos

Faremos un repaso pola completa II Mostra de Promoción Local de Carnota "Víndemo Ver", así como xa fixemos da Ruta BTT. Pero hoxe a atención centrámola nunhas xornadas de primeira orde. I é que a Mostra serviu para celebrar a presentación das Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos", que se celebrarán na Casa do Concello de Carnota o 1 e 2 de xuño.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural é a que promove, co concello, esta aposta por recuperar o noso pasado a base de conferencias e debates, e facendo medrar a semente arqueolóxica sembrada co proxecto da Torre dos Mouros.

Foi a tenente de alcalde e veciña do Pindo, Merche Díaz, a anfitriona do acto, durante o cal saudou á organización deste evento no seu municipio que espera que contribúa, dixo, "a consolidar Carnota coma destino arqueolóxico de referencia dentro e fóra de Galicia", dando asi continuidade a todo o esforzo que desde o municipio se está a facer para a posta en valor do seu patrimonio, coa recuperación de petroglifos, excavación do Castro de Mallou, o Monte Pindo e, sobre todo, a Torre dos Mouros.

Nese senso, Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, indicou que o obxectivo é "que veciños e visitantes non só coñezan senón que poidan entender o verdadeiro significado, obxectivo e funcionalidade desas estructuras antigas que temos sementadas polos montes non só de Carnota senón de toda Galicia."

Por último, Carlos J. Galbán, historiador e coordinador técnico destas Xornadas, presentou o cartel e resumiu a programación, dividida en catro bloques temáticos: Castros e romanización, tardoantigüidade, castelos medievais e a súa destrución, e un bloque último dedicado a Comunicacións, é dicir, que quen queira poida presentar os seus propios traballos e reflexións sobre calquera tema relacionado dos que motivan as xornadas.

Asi mesmo, o venres a programación do Víndemo Ver acollía unha mesa redonda sobre o patrimonio local, co escritor Francisco X. Fernández Naval, o arqueólogo Lukas Santiago, o veciño e neodescubridor da Torre dos Mouros Jordi Tato, e o concelleiro de cultura Iván Franco. Este encontro coa veciñanza interesada nos nosos tesouros patrimoniais serviu para achegar posturas e ideas sobre os retos que o noso patrimonio nos obriga a enfrontar, as potencialidades para facer de Carnota un punto quente da xeografía galega á hora de ver nun só concello toda a evolución histórica que experimentou o noso país ata os nosos días, a través dos restos que nos foi deixando cada etapa.

Fonte e máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios