sábado. 05.07.2025
El tiempo

Continúa aberto o prazo para participar no programa de Turismo Escolar

Continúa aberto o prazo para participar no programa de Turismo Escolar
turismo-escolar-torres-allo O programa Turismo Escolar da Deputación da Coruña ten varias rutas por lugares emblemáticos da Costa da Morte A área de Turismo da Deputación da Coruña dirixiuse aos centros educativos da provincia ademais dos concellos para animar á participación nas actividades do programa de Turismo Escolar, tanto nas visitas como no concurso de debuxo e redacción. A través da difusión de folletos informativos e carteis en todos os centros educativos e concellos da provincia, a área de Turismo da Deputación convida á participar neste programa dirixido a escolares de entre 4 e 16 anos, nas visitas para coñecer o patrimonio cultural e natural como no concurso en que, a través do debuxo e a escrita, de aspectos relacionados cos distintos elementos da ruta. Poderán optar ao premio todo o alumnado que presente unha obra escrita ou debuxada sobre a visita que realizaron nos seus centros de ensino aos fitos patrimoniais da deputación da Coruña ou aos recursos municipais que se incorporaron ao programa de turismo escolar. Seleccionaranse tres traballos finalistas en dúas categorías, unha de educación infantil e primaria e outra de educación secundaria. O prazo de admisión das obras está aberto até o vindeiro 30 de xuño. Os premios consisten en lotes de xogos e libros, tabletas ou libros electrónicos, segundo as distintas modalidades. “O concurso responde á vontade de que as visitas sexan participativas e nenas e nenos se activen diante do patrimonio natural e histórico e debuxan ou escriban sobre os distintos elementos de maneira que as rutas sexan aínda máis activas. Será unha maneira de incentivar o interese das crianzas nestas actividades que ofertamos a centros de ensino e concellos”, sinala o responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira. O programa de Turismo escolar contempla unha oferta de cinco rutas para coñecer o patrimonio ao vivo, da pegada romana no Mandeo ás testemuñas de pedra no Castelo de Vimianzo, pasando polo achegamento á tradición da olería en Buño. A esta oferta deseñada pola Deputación incorporáronse recentemente os recursos ofertados polos concellos. As rutas As rutas propostas pola Deputación camiñan por algúns dos máis interesantes destinos para vivir a historia e coñecer o patrimonio máis próximo. En "Testemuñas de pedra" percorrerán o pazo das Torres do Allo e o Castelo de Vimianzo, "Ritual e tradición", nace coa idea de coñecer a tradición da olería no Ecomuseo Forno do Forte en Buño e a historia no Dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños. De escolleren a ruta "Romanos no Mandeo" visitarán o Centro de Interpretación de Teixeiro (Curtis) coa súa dupla función, divulgativa, a través do centro de interpretación, e formativa, xa que o centro acolle cursos, obradoiros e serve como albergue. Por último, "O segredo do Eume", ofrece rutas que atravesan o corazón das Fragas do Eume, e que permitirá aos pequenos descubrir a historia do Mosteiro de Caaveiro e "O bosque animado", que percorre o Pazo de Mariñán e a Casa de Wenceslao Fernández Flórez autor da obra do mesmo nome localizada ao redor da súa casa, as portas do encoro de Cecebre. As propostas están abertas a que cada centro de ensino introduza modificacións no itinerario e mesmo combine os máis apropiados para os seus intereses educativos. O Museo etnográfico da Capela, a ecoescola das Pontes, Santo André de Teixido en Cedeira, o castelo de Moeche, o Museo do Mar de Laxe, o Museo do Humor de Fene, a ruta Pondaliana, a Fraga do Eume en Pontedeume, o Muíño de mareas de Muros, a Casa Museo de Manuel Antonio ou a horta de froitas autóctonas en San Sadurniño son algúns dos setenta recursos que se incorporon á oferta despois de que a Área de Turismo da Deputación convidara aos concellos a sumar os seus recursos históricos, patrimoniais e naturais ao catálogo de de Turismo Escolar que se ofrece aos distintos centros de ensino da provincia. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Deputación de A Coruña

Comentarios