martes. 12.11.2024
El tiempo

Galicia en color, en marcha a homenaxe necesaria aos voluntarios do Prestige

Galicia en color, en marcha a homenaxe necesaria aos voluntarios do Prestige

En marcha a necesaria homenaxe aos milleiros de voluntarios que invadiron a Galicia hai 10 anos para limpar as nosas Costas. A Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) presentaba este proxecto de agradecemento, aberto a todo o país, e con intención de facer ver a todo o mundo que Galicia está recuperada.

"Galicia en Cor – Rede de Reencontros 10 anos despois" é o título dun proxecto que se desenvolverá ao longo de todo o 2012, con especial incidencia no mes de novembro. A idea é que aqueles voluntarios que estiveron semanas limpando as praias do Reira (por poñer un exemplo), se volvan xuntar e saquen aquela mesma foto, pero en cor, non no branco dos monos e no negro do chapapote.

O presidente de APTCM, Manuel Pan, acompañado da deputada provincial Zaira Rodríguez, explicou aos asistentes un proxecto novidoso a nivel turístico “que ten como obxectivo principal favorecer os reencontros de miles de voluntarios e voluntarias que colaboraron con traballos de limpeza da costa galega e agradecerlles o seu esforzo e solidariedade”.

Pan explicou que se pretende homenaxear durante o 2012 ás persoas voluntarias que comprometeron o seu tempo coa limpeza das praias, facer visible a recuperación da costa e o traballo do voluntariado, promover a visita organizada de este grupo aos puntos clave da catástrofe, aumentar a demanda turística en Galicia ao tempo que instar á creación de espazos de análise, foros e actos nos que se trate do “turismo de catástrofes”.

Un contrapunto a color

Precisamente a idea da campaña vai enfocada a esa recuperación do litoral galego. A campaña pretende deixar atrás a visión bicolor (blanco – negro) da catástrofe e amosar os avances positivos do territorio. Malia que poidamos ver aínda algunha galleta polas praias da bisbarra, a realidade é que a nosa bisbarra xa se convertiu nun referente en materia de turismo natural. E a idea ten que ser seguir potenciándolo.

Paralelamente a idea da entidade turística é a de conseguir unha desestacionalización do sector.

Como símbolo de agradecemento, os establecimentos hostaleiros que se unan ao proxecto recibirán estas botelliñas, cun pouco de area da praia de Carnota e un diplomiña para os visitantes que os recoñece como voluntarios contra a mancha negra. Un pequeno detalle.

Un cambio mundial

Faise necesaria esta homenaxe. Porque a chegada de milleiros non só serviu para limpar as nosas rochas. Serviu, e moito máis do que nos podemos imaxinar, para cambiar a nosa mentalidade. Canto nos abriu a mente o feito de compartir meses a nosa vida con eses milleiros de voluntarios. Canto valor intanxible.

A proposta está completamente aberta a todas as organizacións, confrarías, concellos, asociacións... que se queiran adherir. De feito foron moitos os alcaldes e representantes de concellos (faltou algún fundamental como o de Fisterra), hostaleiros do sector, xentes do mar... os que asistiron á presentación, para entre todos, poñer un gran de area e facer que na outra punta do mundo se enteren do noso agradecemento e da nosa recuperación.
Así, as propostas máis humildes como as que se están argallando dende Fisterra, por poñer outro exemplo, poderían ir perfectamente adheridas ao plan de actividades que se desenvolva conxuntamente.

Crear unha comunidade na rede

A metodoloxía de traballo para poder chegar aos milleiros de voluntarios que se puxeron aquel mono blanco e que colleron a pala, é facelos a eles mesmos protagonistas. Todo a través da rede.

Dúas empresas da zona especializadas en comunicación, como son Hexis Comunicación e Galinus, Taller de Novos Medios serán as encargadas de levar a todas as casas do mundo esta idea, esta homenaxe.

Dende QPC tamén botaremos o noso gran de area para facer que a comunidade sexa máis e máis importante. Faremos un tratamento específico do proxecto abrindo, coma sempre, o noso portal ás experiencias en primeira persoa. Tanto aos voluntarios como a todas esas persoas de aquí ás que lle cambiaron a vida.
Así que agardamos que compartades con nós as vosas inquedanzas en [email protected].

Comezamos

Máis información

Novas relacionadas

Outras novas

Comentarios