Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Galicia segue demandando e vitaminando o galego

Galicia segue demandando e vitaminando o galego

Parece que o país se decata da necesidade dos medios en galego. Ou así o entendemos os medios organizadores da campaña Vitaminas para o galego analizando o éxito da campaña de recadación a través da rede. Unha campaña que xa leva colleitados máis de 6.400€ en achegas de máis de 180 micromecenas, e iso que o obxectivo incial eran 3.300€.

Así, en opinión das cabeceiras organizadoras, este éxito demostra que, malia desaparición de varios medios na lingua propia no último ano, existe unha demanda social real por información en galego.

Pechando a primeira fase

A súa primeira fase, que remata hoxe luns, busca recadar cartos a través da plataforma de financiamento social en liña Verkami, traducida ao galego para a ocasión por esta mesma casa. Todo o diñeiro recadado adícase a sufragar a propia campaña e ao mantemento dos medios colaboradores.

Os 180 mecenas que aportaron diñeiro en liña reciben mercadotecnia da campaña (paraugas, etc.) e regalos ofrecidos por esas empresas patrocinadoras. Aínda quedan tres días para informarse da campaña en vitaminasparaogalego.gl e, no seu caso, contribuír a supervivencia dos medios en galego e ao nacemento doutros.

Pensando na seguinte

Unha vez finalizada esta primeira fase, “Vitaminas para o galego” comezará a organizar actos de promoción por toda Galicia. Entre estes actos haberá concertos -nos que xa se ofreceron a colaborar até 16 artistas- e relatorios, como o acto da fin de semana pasada no Concello de Redondela. Alí, e nun acto organizado pola Coordinadora de Servizos de Normalización Lingüística (SNL), participaron Henrique Sanfiz e Pedro Telmo (como "vitaminadores" por parte dos medios Radiofusión e Valmiñor.info), Manuel Bragado e Nacho Carballal.

Esta fin de semana o posto de Vitaminasparaogalego asistíu á Asemblea Nacional do Bloque Nacionalista Galego, en Amio. Ademais de recibir un cento de apoios verbais e de vender moito merchandising, moitos dos que son mecenas da campaña a través da rede achegáronse para felicitarnos pola campaña. Éxito rotundo, vaia, en Amio.

As razóns para vitaminar o galego

Diriximos a iniciativa VITAMINAS PARA O GALEGO a todas as persoas que falan en lingua galega e a todas aquelas que a aman. Diriximos por tanto a iniciativa VITAMINAS PARA O GALEGO á inmensa maioría da poboación de Galicia.

Queremos contribuir a que o idioma propio de Galicia adquira un rango social de normalidade. Preocúpanos a situación da nosa lingua e diante do descenso no seu uso manifestamos, e até clamamos, que a día de hoxe o uso do noso idioma non está asegurado.

No século XX a lingua galega era falada con espontaneidade e regularidade, mais nas últimas décadas os estudos científicos e mesmo unha sinxela observación, constatan o descenso no seu uso.

Apelamos a todos os cidadáns de Galicia e aos que tamén viven fora dela porque a presenza do galego, a súa extensión, a súa normalización, dependen da vontade do corpo social e das actitudes positivas e activas ao seu favor.

Afirmamos que o desfrute cultural é unha necesidade basica, só despois da alimentación, a vivenda, a sanidade e a educación. Asumimos por iso a aseveración do filósofo Eduardo Lourenço segundo a cal a cultura é un fin en si mesmo e defendemos ademais unha cultura vocacionada para a felicidade.

Por outra banda a cultura non existe en abstracto, está vencellada ao territorio, á comunidade humana que habitou e que habita na zona determinada do planeta onde se desenvolve. Porque a universalidade parte do local, do próximo, do cercano.

Insistimos en que o galego non é un obstáculo para comunicar cun público consciente e amplo. Por iso queremos reforzar os medios de comunicación en galego, coa criación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común. Un espazo que promova novas fórmulas de presenza da lingua e cultura galegas en Europa e no mundo e antes de nada en Galicia.

O galego necesita vitaminas. A campaña recaba con urxencia a colaboración de todos. Quere facer patente a necesidade de axudas, medios, apoio e soporte para o idioma galego. Pretendemos implicar a moitas entidades e Máis de 100 mecenas polo galego nos medios de comunicaciónsensibilizar as persoas, o pobo, para revitalizar o idioma e garantir a súa transmisión interxeracional.

O galego precisa moitas vitaminas. O país necesita como auga de maio contar con medios de comunicación que empreguen o idioma noso, tamén nos contextos urbanos, alí onde presenta máis febleza.

Galicia necesita información de proximidade en galego, "mass media" que no século XXI difundan e prestixien o idioma. Altofalantes que peten nas conciencias e que fagan visible a sensibilidade existente na sociedade galega.

20 cabeceiras

Impulsan a iniciativa, Galicia Confidencial, Tempos Novos, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Quepasanacosta, ValMiñor.Info, Certo, O Sil e Crónica 3. Tamén colaboran disquecool, surfgz.com, Crónicas da comarca (Arzúa - Melide), Terracha.xa, Radio Nordés (Cadena Ser Costa da Morte), Cadernos de Comunicación e analise, Cabozo, Vencello, De Luns a Venres, Hermes e Atenea.

Ademais destas cabeceiras, axudan á promoción da campaña plataformas cidadáns como Prolingua e Queremos Galego.
Sumáronse tamén artistas como Roi Casal, Silvia Ferre e o Leo i Arremecaghona. Os medios organizadores agradecen a súa colaboración, así como a de patrocinadores como, entre outros, o Balneario Rio Pambre de Palas, Froitas León e a denominación de orixe de queixos Arzúa Ulloa.

Vitaminas para o galego pretende visibilizar estes medios en galego, boa parte deles de carácter comarcal. Procuramos ademais vías de financiamento que garantan a súa sontenibilidade e o traballo digno dos seus profesionais.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios