Sábado. 12.10.2024
El tiempo

Máis de 120 proxectos de todo o mundo estarán no III Festival de Webseries Carballo Interplay

Máis de 120 proxectos de todo o mundo estarán no III Festival de Webseries Carballo Interplay
Festival Carballo Interplay 2016

Segue medrando esta aposta pola cultura e a rede do Concello de Carballo. O III Festival de contidos dixitais Carballo Interplay pega un novo salto e os vindeiros 5, 6 e 7 de maio convertirán a vila bergantiñá na capital mundial da internet, unha vez consolidado como un festival de referencia dentro e fóra de Galicia e mesmo de España.

Serán máis de 120 as propostas (metade españolas e metade internacionais) que se presentaron ao festival. Ademais de 9 webseries en versión orixinal en galego e 58 do resto do Estado, participan na competición 55 webseries de produción internacional, con propostas de Arxentina, Nova Zelanda, Inglaterra, EEUU, Colombia, Irlanda, Italia, Austria, Canadá, Brasil, Francia, México, Alemaña, Uruguay, Suíza. Ao longo das próximas semanas, a organización desvelará os nomes das webseries finalistas.

Ademais do xa tradicional concurso de webseries, o CIP incorpora este ano un novo premio, de 1.500 euros, para o mellor proxecto de webserie en galego. As persoas que queiran optar a este novo galardón, que se resolverá cun pitching en directo durante o festival e cuxa dotación deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, poden facelo aínda. O prazo remata o 11 de abril e toda a información necesaria está dispoñible na web do Festival.

Youtubers, vídeo bloggers, pranksters e viners coñecidos dentro e fóra de Galicia

Alguns dos Youtubers que estaran no Carballo Interplay 2016 Algúns dos Youtubers que estarán no Carballo Interplay 2016 Tanto os participantes no concurso de webseries como as persoas que opten ao premio para o mellor proxecto de webserie en galego compartirán experiencia durante o Festival con relevantes figuras do panorama actual de creatividade dixital de Galicia e do resto do Estado. Mentres afina os últimos detalles do programa desta terceira edición, a organización do Carballo Interplay adianta que estarán presentes youtubers, vídeo bloggers, pranksters e viners tan coñecidos dentro e fóra de Galicia como Dulceedeleche ou Tworumbel, os Páramo Pictures, os Poetarras e os responsables da webserie Fame.

Carlota Núñez é unha das Youtubers galegas máis seguidas, con máis de 68.000 suscritores no seu canal Duulcedeleche e 42.000 followers en Instagram. Coruñesa de 22 anos e estudante de produción audiovisual, leva desde 2012 publicando vídeos sobre o seu día a día, que narra no seu videoblog, e as súas paixóns, especialmente a moda e o estilismo. Algunhas marcas de roupa apostan por ela como influencer para dar a coñecer produtos entre as súas seguidoras.

Diego Novelle é Tworumbel, outro Youtuber coruñés con máis de 12.000 suscritores. O seu canal baséase no humor, en facer distintos tipos de bromas, cámaras ocultas ou entrevistas pola rúa. Con el coñeceremos o xénero youtuber dos pranksters (canais dedicados ás bromas) e cal é o tipo de humor que atrae a adolescentes e universitarios hoxe en día.

Rubén Lino é membro do grupo Poetarras, gañador do premio á mellor webserie en galego no I Carballo Interplay en 2014. Músico e cómico, a súa especialidade é facer humor en Vine, unha rede social móbil baseada en vídeos de non máis de 6 segundos. É dos poucos viners que publica vídeos baixo o hashtag #VineGalego

Hai lingua para o tubo?

Alguns dos Contidos Dixitais en Galego que estaran no Carballo Interplay 2016 Algúns dos Contidos Dixitais en Galego que estarán no Carballo Interplay 2016

Os contidos dixitais en galego centrarán, precisamente, unha das liñas de traballo deste Carballo Interplay, que baixo o título ¿Hai lingua para o tubo? afondará sobre que tipo de contidos audiovisuais  para internet se fan en galego, cal é a presenza destes contidos, que temáticas e claves abordan ou cal é o público. E, para facelo, pasarán polo CIP os Páramo Pictures, integrantes dunha produtora da provincia de Lugo que triunfa en internet coas súas parodias de éxitos musicais adaptados ao mundo rural. Vídeos como o da “Bertolina” (versión de “Adrenalina” de Ricky Martin) van camiño dos dous millóns de visionados en Youtube; as Fame, que foi a gañadora do premio á mellor webserie en galego do II Carballo Interplay, en 2015; e os Poetarras, un colectivo “arterrorístico” formado por Manuel Gago, Pablo Lamosa, Rubén Lino e Daniel Vilaverde que gañaron en 2014 o premio á mellor webserie en galego no I Carballo Interplay e son especialmente coñecidos polas súas cancións e videoclips con hits como “Lambeconas”, a versión de “Roar” de Kate Perry dedicada a Feijoo ou a que lle dedican ao río Anllóns, creada especialmente como homenaxe a Carballo a partir da canción “I’m Yours” de Jason Mraz.

Formando

O Concello e a organización do evento completan a oferta cun ciclo formativo que se desenvolve nestes meses previos, o FormaCIP, que nesta edición ampliou a súa oferta tamén á xente miúda. Novas narrativas, marketing dixital, novas tecnoloxías, produción e financiación audiovisual, dirección de actores, robótica para nenos e nenas, Lego Mindstorms, Arduino, paleta gráfica codeco ou emoticonos analóxicos son algúns dos coñecementos que adultos, estudantes, nenos e nenas están a adquirir no ciclo formativo do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, FormaCIP, que se desenvolve dende o pasado 12 de marzo e ata a mesma fin de semana do Festival.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios