Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Nace a Asociación de Medios en Galego coa presencia de QPC

Nace a Asociación de Medios en Galego coa presencia de QPC
Membros da Directiva da Asociacion de Medios en Galego con presencia de QPC

Tempos Novos, Novas da Galiza, Galicia Confidencial, Que Pasa na Costa, Xornal Certo, Radiofusión, de Luns a Venres, Praza Pública, O Compás e Valminor.info son os impulsores da primeira Asociación de Medios en Galego.
A iniciativa está aberta a todos os medios editados en galego, de feito Sermos xa se interesou por entrar, e ten a súa orixe na experiencia Vitaminas para o Galego, unha campaña impulsada o pasado ano que desenvolveu varios eventos xornalísticos e culturais en defensa do noso idioma.

Afortalar os medios en galego, consolidar un espazo de comunicación na lingua propia ou contribuir á profesionalización do sector dos medios en galego son parte dos obxectivos da Asociación de Medios en Galego que se acaba de constituír.

Obxectivos

Os principais obxectivos da nova Asociación de Medios en Galego serán defender os intereses dos seus asociados favorecendo así o afortalamento dos medios de comunicación en galego. Tamén contribuir ao proceso de asentamento do sector dos medios de comunicación de información xeral na lingua propia de Galicia e á consolidación dun espazo de comunicación en galego fomentando a presenza pública, tanto individual como conxunta, dos medios de comunicación neste idioma.

Esta asociación tamén contribuirá á profesionalización do sector de xeito que as empresas se doten de estruturas sólidas que garantan a proxección de cada medio conseguindo a independencia económica e represetnará ao sector diante das distintas administracións en todo aquelo que afecte aos medios de comunicación en galego.

Tamén debaterá colectivamente os temas de interese para o sector e asesorará ás entidades produtoras de medios integradas para facer fronte aos problemas profesionais comúns, promoverá iniciativas lexislativas e administrativas que beneficien ao sector. Ademais, desenvolverá accións, eventos e campañas de sensibilización tendentes a visibilizar na sociedade a existencia dos medios de comunicación en galego, intercambiará coñecementos e información entre os membros da Asociación e promoverá proxectos comúns e contribuirá ao proceso de normalización lingüística.

Socios

Serán socios desta asociación, as persoas físicas ou xurídicas cuia actividade principal sexa a produción e tratamento de información calquera que sexa o seu soporte e que, entre outros requisitos, utilicen o galego, teñan unha periodicidade non superior a un mes, teñan unha vida mínima anterior á constitución de seis meses e que máis do 70% da súa extensión ou tempo de emisión estea adicada a contidos non publicitarios. Non poderán formar parte da asociación os organos de expresión de administracións públicas ou entiades dependentes, partidos políticos, organizacións sindicais, patronais e colexios profesionais, así como calquera outra de análoga natureza, nin as asociación ou entidades que se atopen incursas en procesos concursais ou de disolución, ou que manteñan débedas con traballadores ou ex traballadores.

Os medios interesados en formar parte desta asociación poden informarse enviando un mail a [email protected].

Máis información

Novas relacionadas

Comentarios