luns. 23.06.2025
El tiempo

Cheo total nos campamentos de verán de Vimianzo

Cheo total nos campamentos de verán de Vimianzo

Esta mañá arrancaron os campamentos de verán postos en marcha polo Concello de Vimianzo e fixérono coa todas as prazas cubertas para as diferentes quendas ofertadas.

Na primeira quenda, que se desenvolve dende hoxe e ata o 4 de xullo, 80 nenos e nenas participarán no campamento centrado no Asalto ao Castelo. A través de diferentes obradoiros e actividades diversas poderán achegarse moi de preto á tradición e cultura local.

A segunda quenda, do 7 ao 24 de xullo, contará con 130 persoas participantes no pavillón municipal, onde gozarán das propostas do VimiDeporte e o VimiAstronomía. As actividades, de carácter lúdico-deportivo, buscan promover  entre a rapazada o coñecemento e respecto polo medio ambiente, a reciclaxe, así como a iniciación na astronomía.

A terceira e cuarta quenda, con 110 persoas participantes en cada unha, terán lugar do 28 de xullo ao 14 de agosto e do 18 ao 29 de agosto. Nestas datas celebraranse dúas novas edicións do VimiChef, no que os pequenos e pequenas poderán poñer o mandil para aprender algunhas técnicas culinarias básicas de maneira divertida. Estes períodos completaranse, ademais, con actividades do VimiDeporte.

Ademais, o VimiAventura desenvolverase no pavillón de Baíñas, ao ser esta a única parroquia na que se acadou o número mínimo de preinscricións.

Madrugadores

Para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, o Concello volve ofrecer o servizo de madrugadores, dispoñible de 8:00 a 10:00 horas, permitindo ás familias unha maior flexibilidade horaria.

Comentarios